A catedrática Pilar Lorenzo Gradín é a nova presidenta da Sociedade internacional de estudos medievais e renacentistas

A catedrática de Filoloxía Románica da USC Pilar Lorenzo Gradín asume dende a semana pasada a presidencia da Sociedade internacional de estudos medievais e renacentistas. O nomeamento tivo lugar por unanimidade a pasada semana na Universitat de Alacante no marco do Congreso bianual da Sociedade. Para a profesora Lorezo, esta designación “non só representa un recoñecemento a miña traxectoria académica senón que tamén dá conta do prestixio da USC no ámbito dos estudos medievais”.
Pilar Lorenzo Gradín é membro do ILTIUS e ao longo da súa traxectoria foi investigadora visitante na Università ‘La Sapienza’-Roma, Université Paris IV-Sorbonne, Universidade Clássica de Lisboa, Universidade de Coimbra, Università degli Studi de Milán, Università de Siena e Collège de France (París).
Os seus estudos artéllanse en torno a tres liñas de investigación principais: a literatura románica medieval, a edición de textos e a difusión da lírica galego-portuguesa nas plataformas dixitais. Entre as súas publicacións destacan os libros La canción de mujer en la lírica medieval (1990), A cantiga de amigo (1998, con M. Brea), The Matière de Bretagne in Galicia (2015) e O fragmento galego do Livro de Tristan. Edición paleográfica e crítica (2017). Polo que respecta ao campo da edición crítica, ocupan un lugar relevante os traballos que dedicou ao estudo e edición dos cancioneiros de trovadores pertencentes ao círculo do rey Alfonso X (2008 e 2010).
Desde 2014, codirixe con Mercedes Brea no Centro Ramón Piñeiro (CIRP) o proxecto 'Lírica profana galego-portuguesa', ao que están ligadas diversas bases de datos, entre as que destacan polo seu carácter pioneiro e repercusión internacional MedDB e PalMed. Desde 2020, é directora da Área de Literatura no mencionado centro. Así mesmo, desde 1995, dirixiu de maneira ininterrompida diversos proxectos de investigación do Plan nacional e, á súa vez, foi investigadora colaboradora do proxecto Geoarpad (Programa de Cooperación Interreg da UE, 2015-2020).
Desde o ano 2003 é responsable académica na USC do Doutoramento europeo en ‘Filoloxía e Crítica’ no que participan as universidades de Siena -sede coordinadora-, Milán, Pavía, Collège de France, OVI - Fondazione Ezio-Franceschini (Firenze), Paris IV-Sorbonne, Pisa e Zürich; e en 2005 puxo en marcha o Programa de Doutoramento interdisciplinar 'La Edad Media. Imágenes, Textos, Contextos' (Mención de calidade-MCD2005-00241). Entre 2012 e 2013 coordinou o Doutoramento en 'Estudos medievais’ e entre 2009 e 2016 exerceu a coordinación do Doutoramento en ‘Filoloxía Románica’ (Mención de excelencia, MEE2011-0660).
Ten impartido numerosos cursos e conferencias en universidades españolas e estranxeiras e foi convidada como relatora a recoñecidos seminarios e congresos da súa especialidade. Forma parte do Comité científico de prestixiosas revistas no ámbito da literatura medieval e dirixe a colección ‘Medioevo Ispanico’ na editorial italiana ‘Edizioni dell’Orso’. En 2023, foi elixida presidenta da Sociedade española de Filoloxía Románica (SEFR).