A CIG acusa o PP de ser cómplice da violencia institucional contra as mulleres

A CIG levou este 25N a súa protesta á sede do PP en Santiago, denunciando o desmantelamento das políticas de igualdade e reclamando responsabilidades políticas, servizos públicos fortes, igualdade real e protección efectiva para as mulleres.
25N
26 Nov 2025

No Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a CIG acusou o Partido Popular, no Goberno da Xunta, de ser “responsábel e cómplice da violencia institucional contra as mulleres”. A secretaría das Mulleres da central sindical fixo este sinalamento tras anos denunciando comportamentos machistas estruturais e reclamando a incorporación transversal da perspectiva de xénero ás políticas públicas.

Arredor de trescentas delegadas da CIG concentráronse este 25 de novembro diante da sede do PP en Santiago de Compostela para denunciar que o desmantelamento das políticas de igualdade e a tolerancia de condutas machistas por parte do Executivo autonómico “envían mensaxes perigosas que normalizan a violencia e deixan as mulleres máis desprotexidas”.

A secretaria confederal das Mulleres, Margarida Corral, afirmou: “Non imos ficar caladas cando quen debe protexer as vítimas se pon do lado do depredador”. Criticou a “hipocrisía” das campañas institucionais arredor do 25N e lembrou episodios recentes como o apoio público por parte da Xunta a un conselleiro que dimitiu tras ser acusado dunha agresión sexual.

Corral tamén sinalou como violencia institucional o modelo de servizos sociais da Xunta, denunciando a precariedade do sector dos coidados e a falta de medidas efectivas tras o asasinato da traballadora do SAF do Porriño, hai xa catro meses. “O servizo segue sen un protocolo que evite riscos graves e inminentes para as traballadoras”, advertiu.

A responsable sindical criticou que as políticas de igualdade “non se executan”, que se manteñen servizos privatizados cun enfoque lucrativo e que mesmo se suprimiu a Secretaría Xeral de Igualdade, agora reducida a unha dirección xeral. Lembrou ademais que os orzamentos para violencia de xénero de 2026 baixan un 6,4%, nun contexto no que as denuncias aumentaron case un 10% respecto ao ano anterior.

Sobre a escolla da sede do PP como punto final da mobilización, Corral explicou que a central acudía para “esixir responsabilidades políticas e reclamar servizos públicos, igualdade real e protección efectiva”, así como para visibilizar a realidade das mulleres acosadas, agredidas, precarizadas e empobrecidas polas decisións políticas.

Tamén criticou a “apropiación ilexítima” da figura de Rosalía de Castro por parte do PP no lema institucional do 25N.

Encontro Nacional de Mulleres

Antes da protesta, delegadas da CIG participaron no XV Encontro Nacional de Mulleres, onde analizaron diversas formas de violencia e discriminación nos centros de traballo e a violencia institucional exercida polos poderes públicos, con testemuños de profesionais do SAF, centros de discapacidade, ensino e sanidade.

⚙ Configurar cookies
0.35020709037781