A CIG-Administración denuncia a política forestal da Xunta e alerta da situación do persoal nos incendios

A CIG-Administración Autonómica denunciou a política forestal da Xunta, a ausencia de prevención e a xestión do persoal no operativo contra incendios, nun contexto de vaga de lumes que está a arrasar milleiros de hectáreas en Galicia.
A secretaria nacional do sector, Zeltia Burgos, solidarizouse cos brigadistas accidentados nos últimos días e coas súas familias, advertindo que a central sindical denunciará cada incumprimento en materia de seguridade laboral e esixirá responsabilidades.
Segundo Burgos, “a campaña de verán está a ser durísima, con milleiros de hectáreas queimadas e condicións extremas que van a máis”, sinalando que os expertos anuncian Grandes Incendios Forestais (GIF) con consecuencias graves tanto para o persoal coma para a cidadanía.
A CIG alerta de que o modelo forestal da Xunta, baseado na expansión do eucalipto e na ausencia de planificación, incrementa o risco ao favorecer a acumulación de biomasa altamente inflamable. “De existir unha verdadeira política preventiva, non se permitiría plantar máis eucaliptos, recuperaríase a estrutura en mosaico do territorio e aplicaríase unha xestión real das faixas de biomasa”, denunciou Burgos.
Persoal sen experiencia e contratacións improvisadas
O sindicato critica a xestión “atomizada e improvisada” da Consellería de Medio Rural, con 14 chamamentos de máis de 550 prazas en pleno mes de xullo, o que implica que moito persoal que loita contra o lume apenas conta con días de experiencia e sen formación suficiente. Tamén denunciou o uso de brigadas municipais “non profesionais”, como a dos tres traballadores feridos en Oímbra.
Sobrecarga de xornadas e falta de cobertura
A CIG denuncia diferenzas na xestión laboral segundo o tipo de persoal, con ampliacións de xornada ata 12 horas diarias, falta de cobertura de baixas e vacacións e brigadas reducidas que “quedan desprotexidas fronte a lumes de grande intensidade”.
Falta de medios básicos
Burgos cualificou de “inadmisíbel” que o persoal non reciba auga nin avituallamento nos incendios e que exista unha falta de reposición de equipos de protección individual, con problemas de stock e tallas que poñen en risco directo a seguridade das traballadoras e traballadores.