A CIG alerta dunha emenda do PP que altera por completo os procesos do SPIF

A CIG-Administración denuncia que o PP introduciu unha emenda á Lei de acompañamento dos Orzamentos que altera de maneira profunda os procesos selectivos do SPIF, eliminando prazas da OEP 2023 e cambiando convocatorias xa abertas sen negociación previa.
cig
22 Nov 2025

A CIG-Administración denunciou que o Partido Popular introduciu unha emenda na Lei de medidas fiscais e administrativas dos Orzamentos que supón unha modificación integral dos procesos selectivos do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF). O cambio afecta tanto aos procesos extraordinarios derivados da Lei 20/2021 de estabilización, como ás prazas xa convocadas da OEP 2023, segundo advertiu a central sindical.

A emenda presentada polo PP elimina 327 prazas da OEP 2023 e propón a convocatoria doutras 311 prazas mediante concurso de méritos, o que a CIG considera unha modificación unilateral da oferta pública “sen aviso, sen negociación e sen informar ao persoal”.

O Partido Popular xustifica a medida en supostas sentenzas que non identifica. A CIG-Autonómica lembra que a única resolución coñecida é a Sentenza 600/2024 do TSXG, relativa a unha demanda do CSIF, que anulou convocatorias da Lei 20/2021 por non incluíren todas as prazas ofertadas. “Non hai ningunha outra sentencia firme que avale unha intervención tan dura”, subliña a secretaria nacional, Zeltia Burgos.

A dirixente sindical considera “especialmente grave” que mentres nas mesas de negociación a Administración negaba contactos con outras organizacións, esta emenda “confirma movementos paralelos para corrixir pola porta de atrás os efectos dunha sentenza que eles mesmos provocaron”.

Incremento de prazas, si; eliminar a OEP 2023, non

A CIG aclara que comparte a necesidade de ampliar prazas, pero rexeita “de maneira rotunda” que se eliminen prazas xa ofertadas e se suspendan procesos abertos. Burgos insiste en que o persoal bombeiro fixo-descontinuo debía recibir un tratamento igualitario, razón pola que a organización non asinou no seu día o Acordo de estabilización.

Porén, a central non acepta “que agora se eliminen 327 prazas, se paralicen procesos convocados e se introduzan cambios estruturais a través dunha emenda parlamentaria sen informes, sen publicidade e sen participación”. Para a CIG, esta actuación vulnera principios básicos do EBEP e “xera unha incerteza brutal” no persoal.

A central nacionalista critica a falta de transparencia e reclama a convocatoria urxente da Mesa Xeral de Persoal Empregado Público, a entrega das sentenzas e informes utilizados como base, así como o detalle das prazas futuras. Ademais, esixe que non se adopten medidas que anulen a OEP 2023 até que se negocien os cambios conforme á lei.
“Non imos permitir manobras opacas que condicionen o futuro do persoal público galego”, concluíu Burgos.

⚙ Configurar cookies
0.24024605751038