A CIG anima a participar no acto nacional polo 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras

A CIG chama a participar no acto nacional conmemorativo do 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras, que terá lugar o vindeiro 12 de agosto en Imo (Dodro). As actividades están promovidas por diferentes entidades galegas, entre elas a Fundación Moncho Reboiras, constituída pola propia central sindical.
Cando se cumpren cinco décadas do seu asasinato a mans da policía franquista, en 1975 na cidade de Ferrol, a CIG quere manifestar o seu recoñecemento e gratitude á figura de Xosé Ramón Reboiras Noia, traballador, activista sindical e político nacionalista, pola súa valentía e compromiso militante na loita contra a ditadura franquista e na defensa dos dereitos nacionais de Galiza.
Reboiras participou activamente na posta en marcha dos primeiros xermolos do sindicalismo nacionalista galego, sendo precursor do que hoxe é a CIG, a principal central sindical do país, e un referente ético e político para a súa afiliación.
O acto conmemorativo do 12 de agosto desenvolverase no cemiterio de Imo, en Dodro. Ás 12:00 h procederase á reinauguración do mural en homenaxe a Moncho Reboiras ao pé do viaduto. Ás 12:30 h terá lugar a ofrenda floral no cemiterio, con intervencións de Lois Ríos, Marisa Vázquez, Suso Seixo (ex secretario xeral da CIG e presidente do padroado da Fundación Moncho Reboiras), e coas actuacións musicais de Mini e Sés.
Moncho Reboiras, nós non esquecemos. A loita continúa!