A CIG apoia a delegada do SAF de Ponteceso ante a querela contra o alcalde por presuntas inxurias e calumnias

A CIG mobilizouse este mércores diante da Casa do Concello de Ponteceso para trasladar o seu apoio á delegada sindical do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), contra a que o alcalde, José Manuel Mato, realizou graves acusacións durante o pleno municipal do pasado 27 de maio. A concentración coincidiu co acto de conciliación celebrado no Xulgado de Paz como paso previo á presentación dunha querela por un presunto delito de inxurias graves e/ou calumnias.
O alcalde de Ponteceso non compareceu ao acto, polo que, segundo informou a central sindical, o procedemento continuará agora pola vía penal coa presentación formal da querela.
Durante a protesta, o secretario comarcal da CIG da Coruña, Óscar Calvo, criticou a ausencia do rexedor e asegurou que a súa comparecencia tería permitido pechar o conflito sen necesidade de acudir aos tribunais. “Hoxe tiña moi fácil pórlle remate aquí a esta situación e evitar ter que ir a xuízo polo penal, pero non quixo”, afirmou. Calvo asegurou tamén que a CIG continuará defendendo a honra da traballadora e os seus dereitos sindicais e que apoiará as accións legais que decida emprender.
Na mesma liña, o responsable da Unión Local de Carballo, Martín Caamaño, censurou a decisión do alcalde de non acudir ao Xulgado de Paz e incidiu na gravidade das acusacións realizadas no pleno municipal. Segundo explicou, empregouse “un foro democrático como é o pleno municipal para tentar coartar as liberdades e dereitos fundamentais dunha traballadora e delegada de persoal”.
Os feitos remóntanse ao pleno do 27 de maio, cando o alcalde cuestionou publicamente o traballo sindical da delegada da CIG e realizou diversas acusacións sobre a súa actuación como representante do persoal do SAF. Entre outras cuestións, o rexedor reprochoulle o uso do crédito de horas sindicais e chegou a acusala de abandonar o seu posto de traballo e desatender unha persoa usuaria do servizo.
Segundo a CIG, Mato tamén atribuíu á traballadora o envío de mensaxes ameazantes a compañeiras para evitar que se presentasen noutras candidaturas sindicais e manifestou expresamente o seu desexo de que a representación sindical no SAF de Ponteceso non correspondese á CIG.
O sindicato considera que estas afirmacións poden afectar á dignidade e á profesionalidade da traballadora e á liberdade sindical, polo que acordou con ela emprender as accións legais correspondentes. No acto de conciliación, previo e obrigatorio para a presentación dunha querela por inxurias e calumnias, solicitábase ao alcalde que recoñecese como incertas as declaracións e imputacións realizadas e que reparase á traballadora polo dano moral e os prexuízos ocasionados.
Ao non comparecer o rexedor no acto de conciliación, a vía xudicial continuará agora no ámbito penal coa presentación da querela.