A CIG-Autonómica mobilízase para reclamar a profesionalización das cociñas da Xunta e na defensa dos dereitos do persoal non docente

O sector de Autonómica da CIG-Administración desenvolveu este luns unha manifestación en Santiago, con arredor de 300 traballadoras e traballadores das cociñas xestionadas pola Xunta, para reclamar a súa profesionalización e defender os dereitos do persoal non docente dos centros educativos públicos.
Ao remate da marcha, que partiu da Consellaría de Educación en San Caetano, deuse lectura a un manifesto no que se reclamaba a negociación dun acordo que recupere e mellore os dereitos do V Convenio para o PAS dos centros de ensino.
Tamén se demandou o encadre das escalas segundo a titulación requirida, a eliminación da Agrupación Profesional, a promoción ao subgrupo C2 e a separación de escalas entre axudantes de cociña e camareiras-limpadoras. Reclamouse, ademais, unha estrutura profesional que inclúa xefes/as de cociña, cociñeiros/as e axudantes.
A central exixe a negociación de ratios para o persoal subalterno e de limpeza, a definición de funcións e condicións de traballo para todo o persoal non docente e a recuperación salarial tras a funcionarización.
Denuncian que a Xunta pretende rebaixar o recoñecemento profesional do persoal de cociña ao encadrar a todo o colectivo como auxiliares, sen esixir a titulación técnica que antes era obrigatoria. Censuran que se ignoren as numerosas sentenzas que recoñecían as súas funcións e responsabilidades.
A CIG aposta por unha administración pública profesionalizada e cualificada, e reclama a desaparición da Agrupación Profesional e o recoñecemento das distintas especialidades dentro do persoal non docente.