A CIG chama a acumular forzas na loita contra a precariedade e a desigualdade camiño do 8 e 10 de Marzo

A CIG celebrou asembleas en todas as comarcas para analizar a situación socioeconómica e preparar as mobilizacións do 8 e 10 de Marzo en defensa do traballo digno e dunha Galiza con dereitos.
Asamblea
12 Feb 2026

A CIG fixo un chamamento a acumular forzas mediante a loita nas empresas e na rúa contra a precariedade e a desigualdade camiño do 8 e 10 de Marzo, datas nas que a central sindical aposta por unha importante mobilización da clase traballadora galega.

Con este obxectivo, a organización celebrou asembleas de delegadas e delegados en todas as comarcas do país —A Coruña, Lugo, Ferrol, Compostela, Vigo, Pontevedra e Ourense— nas que se analizou o actual contexto socioeconómico e se abordaron as principais problemáticas laborais.

O secretario xeral, Paulo Carril, que participou na asemblea de Compostela, salientou a importancia destas convocatorias, que teñen unha especial significación histórica para o sindicalismo nacionalista galego. Segundo indicou, chegan nun momento marcado pola “extensión da precariedade laboral e dos baixos salarios, especialmente entre as mulleres e a xente nova”.

Carril advertiu tamén do medre do fascismo e da ultradereita, que —ao seu xuízo— se alimentan da aplicación de políticas neoliberais e das últimas reformas laborais, así como dun diálogo social que “lexitima medidas que provocan o empobrecemento xeneralizado da poboación”.

A central contextualiza esta situación nun escenario internacional no que, segundo denuncia, a globalización neoliberal impón a guerra e o militarismo como ferramentas para continuar acumulando riqueza, mantendo un sistema baseado na desigualdade.

Fronte a este panorama, a CIG anima a trasladar as súas alternativas aos centros de traballo e a participar masivamente nas mobilizacións convocadas para o 8 e 10 de Marzo, subliñando que “só con loita e mobilización seremos quen de conquistar dereitos”.

Medidas urxentes

Entre as principais propostas que a CIG considera urxentes figuran:

A posta en marcha dun Plan galego de creación de traballo digno e industrialización, que permita unha transición enerxética galega xusta.

A recuperación, ampliación e fortalecemento dos servizos públicos.

A aprobación dun Plan Galego pola Igualdade.

A creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas.

Garantir vivenda digna e prohibir os desafiuzamentos.

A apertura dun proceso que supere o actual Estatuto de Autonomía para recoñecer os dereitos nacionais de Galiza.

⚙ Configurar cookies
0.24343705177307