A CIG chama á mobilización en toda Galicia para defender o ensino público este mércores

A CIG-Ensino fixo un chamamento á comunidade educativa para participar nas mobilizacións convocadas este mércores 6 de maio pola tarde en defensa do ensino público galego, nunha xornada que contará con máis de vinte protestas simultáneas ao longo de todo o país. As concentracións, previstas para as 19:00 horas na maioría das localidades, terán unha especial presenza nas comarcas de Vigo e Pontevedra.
A convocatoria chega nun contexto de crecente tensión no ámbito educativo, marcado por folgas e mobilizacións do profesorado nos últimos meses ante o que consideran unha falta de resposta efectiva por parte da Consellaría de Educación. O colectivo docente denuncia unha situación “insostíbel”, caracterizada pola sobrecarga de traballo, a escaseza de persoal e o progresivo deterioro das condicións nos centros.
Ademais, desde o sindicato critican o estado das infraestruturas educativas e a insuficiencia de investimentos, ao tempo que alertan dunha política que, ao seu xuízo, favorece a privatización e a concertación en detrimento do ensino público. Desde a CIG-Ensino Vigo sinalan que “non estamos ante problemas puntuais, senón ante un modelo que debilita o ensino público e precariza o traballo docente”, e lembran que o descenso demográfico debería aproveitarse para mellorar a atención ao alumnado e non para reducir recursos.
A mobilización forma parte dunha resposta coordinada en todo o territorio galego, na que a comunidade educativa pretende reivindicar un sistema público con máis medios, máis profesorado e mellores condicións. Entre as principais demandas figuran a redución efectiva das ratios en todas as etapas educativas, o incremento do persoal docente e de atención á diversidade, a recuperación das condicións laborais previas aos recortes, a diminución da carga burocrática e a mellora das infraestruturas dos centros.
Nas comarcas de Vigo e Pontevedra están previstas mobilizacións en localidades como A Estrada, Mos, O Porriño, Cangas, O Grove, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, o Val Miñor, Vigo e Vila de Cruces, entre outras, con distintos puntos de saída pero cunha mensaxe común: defender o ensino público como un dereito fundamental. Desde a organización convocante fan un chamamento á participación masiva para “encher as rúas de dignidade” e reforzar a defensa dun servizo público esencial.