A CIG convoca folga indefinida no Consorcio Editorial Galego desde o luns

A empresa de distribución de libros con sede en Redondela leva dende maio sen abonarlle as nóminas ás súas cinco persoas traballadoras
libros-leer-letras-galegas-biblioteca
24 Aug 2026

A CIG vén de convocar folga indefinida no Consorcio Editorial Galego a partir do luns 31 de agosto para reclamar o pago dos salarios pendentes, xa que a empresa con sede en Redondela dedicada á distribución de libros leva dende o mes de maio sen abonarlle as nóminas ás súas cinco persoas traballadoras.

O cadro de persoal adoptou esta decisión tras padecer problemas de cobro dos soldos durante todo o ano, sen que a dirección teña dado explicacións sobre a situación económica que atravesa a compañía, tendo en conta que algunhas editoriais clientes xa comezaron a retirar os seus fondos de libros da instalacións do Consorcio Editorial Galego.

Coa convocatoria de folga, que dará comezo ás 0:00 horas do vindeiro luns 31 de agosto, tamén se quere reclamar o mantemento de todos os postos de traballo e esixir o cumprimento do convenio colectivo.

0.28196096420288