A CIG convoca protestas tras a suspensión da negociación do convenio de elaborados do mar por parte da patronal

A FGAMT-CIG vén de anunciar a convocatoria dunha mobilización para rexeitar a suspensión das negociacións do convenio estatal de elaborados do mar por parte da patronal. A central sindical chama o persoal do sector a participar na concentración que terá lugar o martes 20 de maio diante da Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar), na avenida Beiramar de Vigo, ás 11:00 horas.
Dende a CIG explican que para ese mesmo día estaba fixada unha nova xuntanza da mesa negociadora, mais este martes o empresariado comunicou por correo electrónico a súa decisión unilateral de anular todas as negociacións, sen propoñer ningunha data alternativa.
A patronal basea esta decisión no acordo do Consello de Ministros/as de tramitar por vía de urxencia a redución da xornada laboral, negándose a continuar co proceso negociador ata que se publique o Decreto correspondente. A CIG considera esta actitude de "enorme gravidade e absolutamente inadmisíbel", xa que descoñécese canto tempo pode tardar o Goberno en aprobar o Decreto, e a negociación dun convenio abrangue moitas máis cuestións, como salarios, permisos, categorías, pluses e prevención de riscos.
A central nacionalista asegura que “non imos consentir que o empresariado castigue as persoas traballadoras sen negociación do novo convenio e sen actualización de salarios”.
Por todo isto, a CIG chama a dar unha resposta contundente e anima a todo o persoal do sector a sumarse á concentración prevista diante de Conxemar, fronte á entrada do porto pesqueiro do Berbés, en Vigo.