A CIG denuncia a desprotección da costa galega ante o narcotráfico por falta de medios

A representación da CIG na Axencia Tributaria (AEAT) denuncia unha vez máis a desprotección da costa galega respecto á entrada de drogas por falta de medios no Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA). Á parada obrigatoria das embarcacións de Muros e Ribadeo pola presenza de amianto súmase agora a ausencia do helicóptero con base en Vigo.
Desde a central sindical alertan da “situación crítica” que atravesa o litoral galego na loita contra o narcotráfico como consecuencia da parada obrigatoria, por motivos de seguridade e saúde, das embarcacións con base en Muros e Ribadeo —obsoletas e con máis do dobre da súa vida útil superada— e da baixa prolongada do helicóptero de Vigo, que leva máis de cinco meses en reparación sen data prevista de retorno.
A CIG lembra que este helicóptero é o único co que conta o SVA para cubrir toda a costa galega, incluíndo tamén a cornixa cantábrica.
“Con este panorama está claro que se lles están dando moitas facilidades aos narcos para que leven a cabo a súa actividade ilegal”, denuncian. Por iso, a CIG esixe á dirección do SVA a adopción de medidas urxentes para que as bases marítimas de Ribadeo e Muros e a base aérea de Vigo estean operativas canto antes.
Ao mesmo tempo, a central sindical advirte que non acepta como solución o envío de embarcacións retiradas do servizo en Andalucía: “Non vale que manden para Galiza embarcacións coa súa vida útil esgotada para navegar pola nosa costa e, no caso de Muros, pola Costa da Morte”.