A CIG denuncia a política forestal da Xunta e a precariedade no servizo de incendios

A CIG-Administración Autonómica denunciou hoxe a política forestal da Xunta, a ausencia de medidas de prevención e a situación precaria do persoal que traballa no servizo de incendios, nun contexto de campaña de verán especialmente dura, con milleiros de hectáreas queimadas e condicións extremas.
A secretaria nacional do sector, Zeltia Burgos, lamentou os recentes accidentes sufridos por brigadistas e trasladou a súa solidariedade ás persoas feridas, ás súas familias e á poboación afectada. Advertiu que a central sindical denunciará cada incumprimento das medidas de seguridade, pedirá investigacións de cada accidente laboral e esixirá responsabilidades.
Burgos alertou de que se están a vivir situacións críticas, atrapamentos e lesións graves, que previsiblemente aumentarán polo cansazo acumulado e as altas temperaturas. Apuntou tamén á “perigosidade crecente” dos Grandes Incendios Forestais (GIF), atribuída á acumulación de biomasa e á aposta da Xunta por especies pirófitas como o eucalipto.
A responsable sindical acusou ao Goberno galego de “escapismo” por atribuír a situación unicamente á seca e á vaga de calor, e defendeu un cambio de modelo forestal baseado na prevención, a xestión das faixas de biomasa e a recuperación da estrutura mosaico, en lugar de monocultivos de crecemento rápido.
No tocante á xestión do persoal, criticou que este ano se fixeran 14 chamamentos para cubrir máis de 550 prazas, moitas en plena campaña, sen tempo para formar adecuadamente o persoal. Tamén denunciou o modelo de brigadas municipais, con persoal non profesional e recentemente incorporado.
Burgos subliñou as diferenzas de trato e horarios entre persoal fixo-descontinuo e funcionario, as sobrecargas de xornada e a falta de cobertura de vacacións e baixas. Ademais, advertiu da falta de medios básicos, como avituallamento, auga ou reposición de equipos de protección individual en bo estado, situación que “aumenta o risco” para quen loita contra o lume.