A CIG denuncia falta de persoal e reclama medidas ante un brote de sarna na residencia DomusVi Monforte

O sindicato asegura que o brote se detectou hai máis de dous meses e que afectou, segundo a información da que dispón, polo menos cinco traballadoras
residencia-monforte-domus-VI-rua-morin
26 Aug 2026

A CIG-Unión Local de Monforte denuncia a situación que se estaría a producir na residencia de maiores DomusVi Monforte, onde, segundo a información que manexa a organización sindical, non se estaría cumprindo o ratio de persoal necesario para garantir unha atención adecuada ás persoas residentes.

O sindicato asegura que a falta de efectivos está a provocar unha importante sobrecarga de traballo para a plantilla, con consecuencias tanto nas condicións laborais como na calidade e seguridade da atención ás persoas usuarias.

A CIG alerta ademais de que hai máis de dous meses se produciu un brote de sarna no centro que, segundo os datos dos que dispón, afectou polo menos cinco traballadoras. A organización sindical non descarta que o número de persoas afectadas poida ser superior.

O sindicato manifesta tamén a súa preocupación por descoñecer se algunha das persoas usuarias da residencia puido resultar afectada ou estar exposta ao contaxio, así como pola situación actual respecto destas persoas.

Segundo a información facilitada pola CIG, a día de hoxe non se tería activado de maneira efectiva o “Protocolo de actuación ante a sarna humana en institucións con coidadores”, nin se terían adoptado todas as medidas preventivas e de control necesarias para evitar novos contaxios.

Para a organización sindical, esta situación resulta especialmente preocupante nunha residencia de maiores polas características das persoas residentes e pola necesidade de aplicar de maneira rigorosa os protocolos establecidos para a prevención, o control e o tratamento da sarna en institucións con coidadores.

A CIG reclama á dirección de DomusVi que adopte de inmediato as medidas necesarias para garantir unha dotación suficiente de persoal e o cumprimento dos ratios correspondentes, evitando que a falta de efectivos se traduza nunha sobrecarga permanente para as traballadoras e traballadores.

Do mesmo xeito, o sindicato esixe información sobre a situación actual do brote, as medidas adoptadas desde a súa detección e as indicacións recibidas por parte das autoridades sanitarias.

A organización sindical reclama tamén que se active e aplique de maneira efectiva o “Protocolo de actuación ante a sarna humana en institucións con coidadores”, no caso de que aínda non se fixera.

A CIG considera que a saúde e a seguridade das persoas residentes e do persoal non poden quedar en segundo plano e reclama á empresa unha actuación inmediata para garantir a protección das persoas usuarias e das traballadoras e traballadores do centro.

0.37554001808167