A CIG denuncia o peche da oficina de Correos no Porto pesqueiro de Vigo

A CIG-Correos denunciou este luns que a empresa pública Correos decidiu pechar sen aviso previo a oficina situada no Porto pesqueiro de Vigo, un dos centros económicos máis importantes da cidade e do país. A decisión, tomada de forma unilateral, obriga ao tecido empresarial da zona a desprazarse a outras oficinas da cidade para realizar xestións, dificultando o acceso á Administración e aos servizos postais.
A central sindical cualifica a medida de incoherente e irresponsábel, xa que contradí os discursos tanto da empresa como do Goberno español, que salientan a importancia de Correos como ponte entre a cidadanía e a Administración. “Mentres din que hai que achegar servizos públicos, péchanse oficinas en puntos clave coma o Porto pesqueiro de Vigo”, critican.
A CIG lembra que Correos foi recoñecido como servizo esencial durante a pandemia e que recentemente foi designado como servidor de servizos de interese económico xeral, polo que consideran “escandaloso” que se reduzan recursos nun sector estratéxico.
Ademais, sinalan que a situación económica de Correos é delicada pola caída do produto postal e pola "nefasta xestión" dos seus responsábeis. “No canto de reforzar os puntos fortes, como o porto de Vigo, optan por debilitalos”, engaden.
A CIG fai un chamamento ao Concello de Vigo e á Autoridade Portuaria para que tomen cartas no asunto e impidan a perda dun servizo vital para as empresas da cidade.