A CIG denuncia que a eliminación de RAOGAL en pleno verán deixa sen apoio ao alumnado máis vulnerábel

A CIG-Ensino lamenta que a Consellaría de Educación decida suprimir, en pleno verán, a Rede de Acompañamento e Orientación persoal e familiar de Galiza (RAOGAL), un servizo que nos últimos catro cursos prestou apoio a milleiros de estudantes en situación de vulnerabilidade e ás súas familias. O sindicato lembra que esta rede traballaba con alumnado en risco por cuestións socioeconómicas ou de saúde mental, con mozos e mozas da FP Básica e tamén co estudantado e familias migrantes, en coordinación con Servizos Sociais, Sergas ou Estranxeiría.
A decisión foi comunicada pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa ás persoas responsables das unidades, alegando falta de orzamento. Isto deixa en situación de incerteza a máis dun cento de profesionais: por unha banda, quen prestaba servizo nestas unidades e deberá reincorporarse aos seus centros o 1 de setembro sen previo aviso; e, por outra, o profesorado que contaba con substituír este persoal no vindeiro curso, que tamén perderá o contrato.
A CIG-Ensino critica que a rede fose creada con fondos europeos Next Generation —2,8 millóns de euros no 2023 para contratar 71 profesionais— sen aportar recursos propios, e que agora se desmantele en canto remata o financiamento. Lembra que o sindicato sempre defendeu reforzar os departamentos de orientación dos centros con persoal especialista propio, cunha ratio de 1 orientador/a por cada 250 estudantes, tal e como recomenda a UNESCO.
A organización tamén denuncia que os contratos do profesorado substituto rematasen o 30 de xuño en lugar do 31 de agosto, o que supón, segundo a CIG, un aforro encuberto por parte da Consellaría.
Este recorte súmase a outros anunciados ao final do curso, como a eliminación das licenzas formativas retribuídas, a falta de convocatoria de prazas de atención preferente para profesorado especialista en diversidade, ou a incerteza sobre coordinacións e prazas de libre designación. Para a CIG-Ensino, a decisión confirma “o peche dun curso nefasto para o profesorado galego e para o alumnado que máis precisa apoio”.