A CIG denuncia que Correos mantén o persoal de Coristanco traballando con altas temperaturas

A CIG-Correos denunciou as condicións nas que o persoal da Unidade de Reparto de Coristanco está a desenvolver o seu traballo debido ás elevadas temperaturas rexistradas no interior das oficinas, onde, segundo o sindicato, se alcanzaron ata 29,6 graos sen que a empresa adoptase medidas preventivas eficaces para protexer a saúde das persoas traballadoras.
A central sindical explica que hai máis dunha semana presentou escritos nos que reclamaba tanto a contratación de persoal como a adopción urxente de actuacións para facer fronte á calor no actual local. Segundo indica, Correos limitouse a cubrir unha baixa médica, sen dar resposta ao resto das demandas formuladas.
De acordo coas medicións realizadas no propio centro de traballo durante distintos días desta semana, a temperatura alcanzou os 27,2 graos ás 8.55 horas e os 29,6 graos ás 14.41 horas, superando o límite de 27 graos establecido para oficinas polo Real Decreto 486/1997 sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo.
A CIG asegura que as propias traballadoras trasladaron que Correos lles comunicou que non dispón de ventiladores en Galicia e que estes deben solicitarse aos servizos centrais en Madrid. Mentres tanto, a única indicación facilitada pola empresa consistiría en recomendar que, cando a temperatura supera os 27 graos, o persoal abandone o posto de traballo durante dez minutos para saír á rúa.
Para o sindicato, esta resposta evidencia unha falta de planificación preventiva por parte dunha empresa que, segundo afirma, coñece a situación e foi advertida formalmente pola representación sindical sen que adoptase medidas eficaces para reducir os riscos derivados da calor.
A organización lembra ademais que o centro de Coristanco está situado nun local baixo cuberta, sen aire acondicionado nin sistemas de refrixeración adecuados, unha circunstancia que agrava os efectos das vagas de calor e dificulta a prestación do servizo durante os meses de verán.
A CIG tamén denuncia que continúa sen recibir unha contestación oficial por parte de Correos sobre as medidas preventivas previstas nin sobre a data de traslado ao novo local, malia os requirimentos remitidos á empresa nos últimos días.
Por todo iso, a sección sindical considera inaceptable que unha empresa pública pretenda afrontar un risco laboral evidente mediante recomendacións que cualifica de improvisadas, en lugar de aplicar medidas preventivas reais, tal e como establece a normativa en materia de prevención de riscos laborais.
A CIG-Correos reclama a implantación inmediata de sistemas de ventilación ou refrixeración adecuados mentres non se produza o traslado ás novas instalacións e advirte de que, se a situación persiste, presentará nos próximos días a correspondente denuncia ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social.