A CIG denuncia que os fondos europeos son unha “coartada” para ocultar o desmantelamento industrial de Galiza

A CIG cualificou o Fondo Europeo de Adaptación á Globalización para Traballadores Despedidos (FEAG) como a “coartada perfecta” da Unión Europea, do Estado español e da Xunta de Galicia para ocultar o desmantelamento industrial que sofre Galiza. Así o denunciou tras a xuntanza mantida este xoves cun representante da Xunta para abordar a aplicación deste instrumento.
Segundo explicou o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, o FEAG “lonxe de resolver os problemas estruturais do emprego industrial, evidencia o fracaso absoluto das políticas industriais autonómicas”.
Desde a central sindical consideran que este fondo non fai máis que xestionar as consecuencias dunha estratexia industrial errática, marcada —ao seu xuízo— por unha transición mal planificada desde Bruxelas, unha distribución dos fondos condicionada polos intereses das grandes transnacionais desde Madrid e unha Xunta “sen capacidade nin vontade” para defender o futuro produtivo do país.
A CIG advertiu de que Galiza non sofre perdas puntuais de emprego, senón unha emerxencia industrial sostida no tempo, con especial incidencia no sector da automoción, clave tanto para o emprego como para o Produto Interior Bruto galego. Neste contexto, Sío criticou que sexa o consello de administración de Stellantis quen marque a política industrial do automóbil, mentres a Xunta acepta deslocalizacións, perda de carga de traballo e precarización laboral sen esixir contrapartidas reais.
Como exemplo desta situación, a CIG sinalou o reparto dos fondos do PERTE do Vehículo Eléctrico e Conectado, que consideran profundamente inxusto. Mentres outras comunidades e países como Portugal aseguran grandes investimentos estratéxicos, Galiza recibe apenas 105 millóns de euros, dos que pouco máis de 56 millóns van destinados á planta de Vigo.
A central sindical alertou tamén da gravidade que supón non garantir a instalación dunha planta de baterías eléctricas en Galiza, unha infraestrutura que consideran estratéxica para o futuro da automoción e sen a cal o sector galego corre o risco de quedar fóra da transición ao vehículo eléctrico.
Durante a reunión, a CIG denunciou igualmente o que cualifica como un desprezo institucional da Xunta cara ao sindicato maioritario en Galiza, criticando un modelo de diálogo social que —segundo sinalan— exclúe as organizacións combativas e serve para lexitimar decisións xa tomadas polas grandes empresas.
A central concluíu que Galiza non precisa fondos europeos pensados para xestionar o desemprego, senón unha política industrial propia, ambiciosa e ao servizo do país e da clase traballadora, con investimento público, control das axudas e compromisos reais de mantemento do emprego.