A CIG-Ensino acusa ao conselleiro de Educación de desprezar o profesorado ao afirmar que “traballa pouco”

A CIG-Ensino denunciou a actitude do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ao que acusa de faltarlle ao respecto ao profesorado durante unha visita institucional ao afirmar que “traballa pouco”.
Segundo explica o sindicato, estas declaracións producíronse o pasado 2 de xaneiro durante unha visita ás obras do IES Aquis Celenis, en Caldas de Reis, diante dun grupo de docentes. A CIG-Ensino asegura que o conselleiro realizou esta afirmación en dúas ocasións, cualificándoa de “impropia do seu cargo” e afastada da realidade diaria dos centros educativos.
Para a central sindical, este comportamento resulta especialmente grave ao producirse no exercicio da representación institucional e contribúe ao “desprestixio social do persoal docente”, alimentando discursos que cuestionan o compromiso e a profesionalidade do profesorado.
A CIG-Ensino lembra que non se trata dun feito illado e vincula estas declaracións con posicións manifestadas con anterioridade por altos cargos da Consellería de Educación. En concreto, lembra as opinións publicadas polo subdirector xeral da Inspección e Avaliación do sistema educativo, nas que cualificaba o profesorado como unha “clase ociosa”, declaracións polas que o sindicato solicitara a súa dimisión sen que esta fose aceptada.
Neste contexto, a organización sindical considera que as palabras do conselleiro evidencian que comparte ese discurso, malia proxectar publicamente unha imaxe moderada dentro do Goberno galego.
Desde a CIG-Ensino subliñan que a realidade do profesorado galego é ben distinta, marcada por recortes, altas ratios, sobrecarga lectiva, vacantes sen cubrir, exceso de burocracia, falta de recursos para atender á diversidade e ausencia de recoñecemento profesional. Unha situación que, segundo lembran, derivou en cinco convocatorias de folga en apenas catro meses neste curso.
O sindicato insiste en que “o mellor do sistema educativo galego son as persoas que o sosteñen día a día: as e os docentes”, e advirte de que este tipo de declaracións sementan desconfianza social cara ao profesorado e ao propio ensino público.
Por todo iso, a CIG-Ensino esíxelle ao conselleiro unha rectificación pública e que se sente a negociar coa representación sindical maioritaria para abordar as demandas acumuladas nos últimos 15 anos, como a baixada de ratios, a recuperación do horario lectivo, un plan real de desburocratización, melloras retributivas, a atención á diversidade, a normalización da lingua galega no ensino e a negociación de normativas clave como o novo decreto galego de FP.