A CIG-Ensino denuncia instrucións sen diálogo e alerta contra inxerencias políticas na docencia

A CIG-Ensino critica ao conselleiro de Educación por presentar unhas instrucións para o novo curso sen consultar co profesorado e alerta dunha deriva autoritaria que pretende limitar a liberdade de cátedra e controlar as actividades escolares.
Lingua
5 Jun 2025

A CIG-Ensino denunciou hoxe a actitude “antidemocrática” da Consellaría de Educación ao facer públicas unhas instrucións para o curso 2025-2026 sen telos debatido previamente co profesorado nin cos sindicatos, tal e como se comprometera a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa na Mesa Sectorial do 6 de maio.

Segundo o sindicato, estas medidas evidencian unha intención de limitar a liberdade de cátedra e establecer un control político sobre a actividade docente. Como exemplo, critican que agora se obrigue a rexistrar na Programación Xeral Anual todas as actividades complementarias, agás casos excepcionais xustificados, dificultando a capacidade de adaptación dos centros ao longo do curso.

A CIG-Ensino considera que esta medida busca impoñer censura previa sobre contidos ou actividades que non sexan do agrado da Xunta, poñendo en perigo o espírito crítico e a pluralidade nas aulas. Lembran casos recentes como a orde de retirar bandeiras palestinas ou cartaces contra Altri, que consideran unha mostra desta deriva “reaccionaria”.

O sindicato tamén critica o que considera unha falta de apoio por parte da Consellaría a docentes acosadas, como no caso do IES As Lagoas, e cualifica de "baleiras" as declaracións institucionais sobre o respecto ao profesorado, mentres se avanza en instrucións que o ignoran.

A CIG-Ensino advirte que non permitirá inxerencias políticas no labor docente e ofrecerá todo o seu apoio aos centros e profesorado que loiten por manter a súa liberdade pedagóxica.

⚙ Configurar cookies
0.20559000968933