A CIG-Ensino denuncia novas instrucións internas da Xunta que implican máis recortes e incumprimentos na dotación de persoal docente

A CIG-Ensino vén de facer pública a súa preocupación polas novas instrucións internas da Consellaría de Educación de cara ao curso 2025-2026, que implican importantes recortes e incumprimentos da normativa vixente en materia de dotación de persoal. A organización sindical denuncia a imposibilidade de facer desdobres en aulas con máis de 25 estudantes ata que se chegue aos 28 “reais”, sen ter en conta casos de discapacidade ou diversidade funcional acreditada, vulnerando así os límites legais de ratio.
Segundo explica a CIG-Ensino, estas instrucións afondan na precarización dos recursos educativos ao impedir reforzos especializados, forzar a docentes non especialistas a realizar funcións que non lles corresponden, e agrupar ciclos enteiros de Primaria nunha mesma aula. Tamén se limita a dotación de profesorado de apoio en Infantil, independentemente do que establece o catálogo oficial de postos aprobado en 2007.
A central critica ademais a extensión da itinerancia docente como “solución” xeneralizada ante a falta de persoal, así como a negativa a cubrir postos vacantes de orientación ou atención á diversidade, a pesar do aumento das necesidades nos centros. Alertan de que se está a derivar a responsabilidade do acompañamento do alumnado vulnerable ao persoal coidador e de apoio, mentres se recortan as prazas de PT e AL ou se substitúen por programas financiados con fondos externos como PROA+ ou o Plan MEGA.
A CIG-Ensino rexeita que se acuse ao profesorado de estar “ocioso” e insiste en que estas medidas son regresivas e afondan na desatención do alumnado máis vulnerable. Anuncian que seguirán combatendo estas instrucións nas Xuntas de Persoal provinciais e exixindo o cumprimento estrito da normativa de persoal docente.