A CIG-Ensino denuncia que a «neutralidade ideolóxica» da Xunta limita a liberdade do profesorado galego

A CIG-Ensino denuncia que as instrucións de «neutralidade ideolóxica» implantadas pola Consellaría de Educación están a reducir a autonomía do profesorado galego e a xerar un clima de medo a posibles represalias. O sindicato considera que esta medida, xunto coas limitacións ás actividades educativas e o incremento da burocracia, supón un ataque á liberdade de cátedra e á capacidade dos docentes para expresar o seu desacordo coas políticas educativas da Xunta.
Segundo a organización sindical, Galicia foi o primeiro territorio do Estado español no que se aplicou o concepto de «neutralidade ideolóxica», nas instrucións de inicio do curso 2025/2026. Inicialmente, a medida centrábase na programación das actividades dos centros, pero nos últimos meses estendeuse tamén, segundo denuncia a CIG-Ensino, á censura de mensaxes críticas cos recortes da Consellaría ou nas que se denuncia a falta de persoal.
O sindicato afirma que a Inspección Educativa realizou chamadas á orde tanto a equipos directivos como a docentes por determinadas comunicacións, co obxectivo de limitar a súa liberdade de expresión dentro e fóra das aulas. A organización considera que esta situación lembra os tempos máis escuros da Guerra Civil e da ditadura franquista, cando o profesorado sufriu persecucións e represalias.
A polémica volveu á actualidade tras a publicación por parte da Comunidade de Madrid dun modelo de denuncia para comunicar posibles «incidencias» relacionadas coa transmisión de opinións ideolóxicas ao alumnado, as peticións de apoio a protestas en defensa do ensino público ou o uso das instalacións e das canles oficiais dos centros para difundir carteis e manifestos.
A CIG-Ensino sostén que, aínda que en Galicia estas medidas se aplicaron dunha maneira máis sutil, a súa finalidade é amedrentar o profesorado e enfrontalo coas familias, o alumnado e a sociedade. Segundo o sindicato, a Consellaría de Educación, dirixida por Román Rodríguez, converteu Galicia nun laboratorio dunha estratexia da dereita e da ultradereita para controlar e censurar o persoal docente, especialmente polo seu papel nas mobilizacións contra os recortes e a privatización do ensino público.
A organización lembra que o profesorado galego se opuxo frontalmente a estas instrucións e incluíu o rexeitamento á censura entre as reivindicacións das folgas do pasado curso. Así mesmo, defende que a escola non pode permanecer neutral ante as inxustizas sociais, os xenocidios, os ataques aos dereitos humanos, os discursos de odio, o negacionismo da violencia contra as mulleres ou o cambio climático.
A central sindical advirte tamén de que as novas limitacións ás actividades complementarias e extraescolares non incluídas na Programación Xeral Anual, xunto coas chamadas de atención da Inspección por publicacións relacionadas coas folgas ou os recortes, están a xerar preocupación entre os docentes.
A CIG-Ensino compara esta situación coa vivida durante os 16 anos de goberno de Manuel Fraga, agás algunhas circulares publicadas durante a crise do Prestige. Ademais, denuncia que a Consellaría emprega outros mecanismos de control, como a rixidez das programacións didácticas e a carga burocrática que deben asumir os docentes de todas as etapas educativas a través do sistema Educalidade.
O sindicato critica tamén o que considera unha dobre vara de medir da Xunta respecto á visibilización das folgas do seu persoal. Así, sinala que, mentres durante as mobilizacións do persoal médico contra o Ministerio de Sanidade os centros sanitarios estaban cheos de carteis e a Consellaría difundía datos de seguimento das protestas, no caso das folgas docentes do pasado curso minimizouse a participación e aplicouse, segundo denuncia, unha forte censura mediática.
A CIG-Ensino denuncia diferentes casos de censura nos centros
Entre os exemplos que sinala a organización sindical figuran a retirada de decálogos informativos das canles de comunicación do IES de Melide e do IES Fernando Esquío de Neda, nos que se denunciaba a falta de persoal nos centros educativos. Tamén apunta ás advertencias realizadas ao profesorado do IES Ribeira do Louro, no Porriño, para que non empregase a plataforma Abalar para realizar comunicacións sobre a folga xeral do 11N.
A CIG-Ensino lembra igualmente a denuncia dunha circular da Dirección Territorial de Lugo que impedía facilitar ás asociacións de nais e pais (ANPA) datos sobre o número total de alumnado matriculado e o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) e necesidades educativas especiais (NEE).
Outros casos mencionados polo sindicato son a non homologación da formación da NEG e da AGAPPAZ titulada «Palestina e máis alá. Educar na vida en tempos de xenocidio», así como a eliminación de 169 unidades didácticas de Matemáticas en galego que estaban publicadas na web da Consellaría.
A organización considera que o veto ao galego nas materias científicas, primeiro a través do Decreto de Plurilingüismo e agora co novo pacto que deixa esta decisión en mans de cada centro, constitúe outro exemplo da actitude censora da Xunta no ensino público galego.
A CIG-Ensino chama a defender a liberdade docente
Fronte a esta situación, o sindicato anima o profesorado a continuar desenvolvendo o seu traballo con liberdade, defendendo o pensamento crítico e unha educación en valores, de acordo coa actual lei educativa, a LOMLOE, e sen deixarse intimidar polas advertencias da Consellaría.
Ademais, recomenda recorrer á súa asesoría xurídica no caso de sufrir algún problema relacionado con estas cuestións. Por último, a CIG-Ensino reclama á Administración que apoie e valore o persoal docente, ao que considera fundamental para manter a calidade do ensino público a pesar da falta de medios e recursos.
O sindicato tamén pide á Xunta que defenda o profesorado ante as situacións de acoso que, segundo denuncia, está a sufrir, en lugar de centrar os seus esforzos no control ideolóxico da sociedade a través do sistema educativo.