A CIG esixe á Xunta tolerancia cero ante as agresións sexuais e denuncia o silencio institucional

A central nacionalista reclamou no Observatorio Galego da Violencia de Xénero un pronunciamento claro fronte á imputación do exconselleiro do Mar, pedindo xustiza para a vítima e a protección da súa identidade.
Agresiones sEXUALES Mujeres
6 Jun 2025

A CIG aproveitou a celebración do pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero (OGVX), celebrado hoxe no Consello Económico e Social, para reclamar un pronunciamento firme fronte á imputación por agresión sexual do exconselleiro do Mar. A representante da central, Margarida Corral, exixiu “tolerancia cero” cos agresores sexuais, reclamando xustiza e reparación para a vítima.

Corral denunciou que se empregasen medios públicos para negar os feitos e insinuar que se trata dunha denuncia falsa, e pediu investigar a filtración do nome da vítima, vulnerando a súa intimidade. Criticou o silencio do Goberno galego, que permitiu que o conselleiro saíse entre aplausos, sen mostrar apoio explícito ás vítimas.

A vicepresidencia do OGVX limitouse a indicar que o caso está xudicializado e non será tratado. Só catro das 29 entidades presentes apoiaron a proposta da CIG. A central alertou do perigo de silenciar as vítimas e reclamou “ningún agresor sen condena social”.

A CIG tamén criticou a exclusión do resto dos axentes sociais na elaboración da nova guía de indicios para detectar vítimas de violencia machista nos centros de traballo. Afirmou que non se respectou o protocolo marco consensuado no Consello Galego de Relacións Laborais.

Por último, reclamou a xestión pública dos cinco centros de crise 24 horas e que se garanta a calidade asistencial cun cadro de persoal estable. Desde a Xunta responderon que se optou por un modelo híbrido para garantir axilidade na posta en marcha dos centros, abertos desde decembro de 2024.

⚙ Configurar cookies
0.23624014854431