A CIG impulsa unha lei para garantir a aplicación da Carta Social Europea e o carácter vinculante das decisións do CEDS

A central sindical promove unha proposición de lei, rexistrada polo BNG, para modificar a Xurisdición Social e obrigar ao Estado a cumprir as resolucións do Comité Europeo de Dereitos Sociais
CIG
17 Nov 2025

O Congreso dos Deputados debaterá unha Proposición de lei impulsada pola CIG e rexistrada polo BNG coa que se pretende garantir o carácter vinculante das decisións do Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) e a súa obrigada execución por parte do Estado español.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril; o secretario de Negociación Colectiva, Francisco González Sío; e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, explicaron en rolda de prensa os motivos desta iniciativa, que se enmarca no proceso de reforma do despedimento e na “nula vontade do Goberno español” de derrogar a reforma laboral de 2012.

Carril lembrou que a recente sentenza do Tribunal Supremo, do 16 de xuño, deixou sen efecto na práctica a Carta Social Europea revisada ao considerar que as decisións do CEDS non son executivas nin directamente aplicables entre particulares. Un fallo que, segundo advertiu, ignora tratados internacionais ratificados polo propio Estado.

Reforma laboral e incumprimentos

O líder da CIG subliñou que a central promove esta proposta ante a determinación do Goberno español de manter vixente a reforma laboral do PP en materia de despedimento e o reiterado incumprimento da decisión do CEDS, que condenou o Estado por vulnerar o dereito a unha indemnización adecuada e disuasoria.

Carril explicou que o Ministerio de Traballo optou por abrir unha mesa no diálogo social na que a patronal nin sequera participou ao considerar vantaxosa a normativa actual, que facilita e abarata os despedimentos individuais e colectivos. Para a CIG, a sentenza do Supremo “reforza” esta postura empresarial e “deslexitima” o procedemento escollido polo Ministerio, ao tempo que ignora a pluralidade sindical ao excluír organizacións máis representativas como a propia CIG.

Modificación da Lei da Xurisdición Social

A iniciativa da CIG propón modificar o artigo 219.2 da Lei 36/2011, reguladora da Xurisdición Social, engadindo que poderá invocarse expresamente a doutrina do Tribunal de Xustiza da Unión Europea e as decisións do CEDS en interpretación da Carta Social Europea revisada.

Carril fixo un chamado ás forzas con representación no Congreso a apoiarem esta modificación para garantir o cumprimento da Carta Social Europea e blindar o carácter obrigatorio das resolucións do seu órgano de control.

Pola súa banda, Néstor Rego lembrou que a Carta Social Europea revisada foi publicada no BOE en 2021 e, como tratado internacional ratificado, forma parte do ordenamento xurídico español. “Sería unha burla ratificar un tratado e despois decidir cumprilo só cando convén”, advertiu. O deputado agarda un “amplo apoio” parlamentario á iniciativa.

⚙ Configurar cookies
0.35945105552673