A CIG leva a protesta a Compostela para reclamar uns orzamentos con emprego e dereitos

A CIG protagonizou este mércores unha multitudinaria mobilización en Santiago de Compostela no peche da campaña “Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade”, coa que a central sindical esixe un cambio profundo nos Orzamentos da Xunta para 2026. Segundo a organización, Galicia vive unha “grave crise produtiva” e unha perda continuada de dereitos laborais que require medidas urxentes.
A marcha, con arredor de 2.000 delegados e delegadas, percorreu a distancia entre o Parlamento de Galicia e San Caetano. No acto final, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advertiu dunha intensificación da confrontación sindical se o Goberno galego continúa aplicando políticas que, ao seu xuízo, actúan como “correa de transmisión das grandes empresas”, favorecendo a mercantilización dos servizos públicos e o “espolio” dos recursos do país.
Conflitos laborais visibles en múltiples sectores
A mobilización serviu tamén para dar visibilidade á ampla variedade de conflitos laborais abertos nos que a CIG participa activamente. No manifesto lido de forma coral participaron traballadores e traballadoras de sectores como bombeiros/as forestais, residencias de maiores, discapacidade, SAF, transporte por estrada, sanidade e ensino públicos, limpeza hospitalaria, atención a menores, construción e automoción.
O texto denunciaba que “a Galiza que queremos non pode vivir baixo a precariedade” e reclamaba servizos públicos de calidade, mellores condicións laborais e un marco galego de relacións laborais que permita negociar convenios de maneira autónoma.
No manifesto destacouse tamén que cada avance social “é froito do compromiso colectivo e da acción mobilizadora da clase traballadora organizada”, apostando por reforzar a loita sindical como motor para o cambio.
Seis medidas urxentes para reorientar os Orzamentos
Paulo Carril defendeu a necesidade dun cambio radical de políticas e presentou seis medidas estratéxicas que, segundo a CIG, deben incorporarse aos Orzamentos 2026:
- Plan galego de creación de traballo digno e industrialización, ligado a unha transición enerxética xusta.
- Recuperación e fortalecemento dos servizos públicos, priorizando o benestar colectivo.
- Plan galego pola igualdade.
- Sistema Público Galego de Atención ás Persoas.
- Acesso a vivenda digna e prohibición dos desafiuzamentos.
- Apertura dun proceso para superar o Estatuto de Autonomía, recoñecendo os dereitos nacionais de Galicia.
- Críticas á privatización e ao modelo económico
Carril denunciou o que considera “seguidismo cego” do presidente da Xunta ás directrices do PP estatal, acusando o Goberno galego de reforzar un modelo de “dependencia económica e política” que provoca emigración, avellentamento e perda de poboación activa.
Tamén criticou a “obsesión privatizadora” en servizos públicos como ensino, sanidade e dependencia, e reclamou un sistema galego de atención ás persoas maiores e dependentes que non estea sometido ás lógicas do mercado.
Finalmente, reivindicou o dereito da cidadanía galega a decidir sobre o seu modelo económico e social: “A vía para garantir un futuro digno é contar cun marco propio de negociación colectiva e relacións laborais”.