A CIG mobilízase contra o acordo salarial estatal por consideralo “un pacto de perdas”

A CIG concentrouse na Delegación do Goberno na Coruña para rexeitar o acordo salarial 2025-28 para o persoal público, que cualifican de “pacto de perdas”. Reclaman subas do 5% en 2025 e 2026 e unha cláusula de garantía salarial ligada ao IPC.
Protestas Santiago
3 Dec 2025

Delegadas e delegados da CIG mobilizáronse este martes diante da Delegación do Goberno na Coruña para amosar o seu rexeitamento ao acordo salarial estatal 2025-28 para o persoal empregado público. A central cualifica o documento de “pacto de perdas”, ao entender que consolida o deterioro salarial, manipula cifras e recupera compromisos incumpridos incluídos no Acordo Marco para unha Administración do século XXI.

Segundo a Área Pública da CIG —que engloba Administración, Ensino e Saúde—, o pacto sitúa os incrementos por debaixo do IPC real, renuncia a recuperar o desfase do 2,3% do anterior acordo e establece unha media de incremento anual do 2,75%, insuficiente fronte ás previsións de inflación. A suba prevista é do 2,5% en 2025 e do 1,5% en 2026.

A organización critica tamén que o acordo fose novamente “cociñado” fóra das mesas legais de negociación, vulnerando o artigo 36.1 do EBEP e excluíndo deliberadamente a CIG, mentres só participan UGT, CSIF e —segundo apuntan— con dúbidas de CCOO. Acusan o Goberno español de converter o diálogo social nun “ritual baleiro”.

O secretario nacional da CIG-Administración, Luís Pose, cualificou de “paripé” a reunión da Mesa Xeral celebrada onte, advertindo de que o acordo podería aprobarse como Real Decreto Lei, coa intención de efectuar pagamentos e atrasos antes da súa validación no Congreso. Dende a central sinalan que esta fórmula introduce inseguridade xurídica: “Que sucederá coas cantidades xa abonadas se non se convalida?”.

Reclamacións da CIG

A CIG reclama unha cláusula de revisión salarial ligada ao IPC e blindada por lei, así como un incremento do 5% para 2025 e 2026, con efectos retroactivos desde xaneiro. Lembran que o persoal público perdeu un 20% de poder adquisitivo nos últimos 15 anos.

A central denuncia que estas propostas non foron sequera debatidas na Mesa Xeral, ao optar o Goberno por presentar unha oferta pechada no ámbito do diálogo social.

Durante a concentración, Manuel Gallardo Canitrot, en nome da Área Pública, lembrou que a CIG ten en marcha unha Proposición non de Lei para garantir por lei que as subas salariais no sector público sexan sempre iguais ao IPC. A iniciativa atópase en fase de recollida de sinaturas e prevese o seu debate no Parlamento de Galicia no primeiro trimestre de 2026.

⚙ Configurar cookies
0.35517001152039