A CIG mobilízase por un plan galego de recuperación e protección social

A CIG mobilizouse este mércores diante dos edificios da Xunta en todas as cidades galegas e en Vilagarcía de Arousa para reclamar un plan galego de recuperación económica, un plan de protección social e plenas competencias en materia laboral, económica e fiscal. As concentracións foron precedidas por asembleas de delegadas e delegados e forman parte do camiño cara ás 17 manifestacións convocadas para o Primeiro de Maio baixo o lema “Traballo, Dereitos, Soberanía. Galiza contra as Guerras”.
Desde A Coruña, o secretario xeral da central sindical, Paulo Carril, insistiu na necesidade de dotar a Galiza dun plan que apueste pola industrialización, o emprego digno e servizos públicos fortes. Criticou que as políticas da Xunta “afondan na pobreza e desigualdade”, promovendo a emigración e o espolio dos recursos naturais ao servizo de fondos de investimento.
Carril tamén reclamou un sistema público galego de coidados, a creación dun parque público de vivenda e o fortalecemento de servizos esenciais como a sanidade e o ensino. Anunciou a convocatoria dunha folga nas residencias privadas para o 10 de abril, en defensa dun convenio digno e contra a privatización dos coidados.
Ademais, sinalou que a loita pola soberanía en materia laboral, económica e fiscal é clave para construír un modelo alternativo para o país, e advertiu sobre o contexto internacional de escalada belicista e aumento do gasto militar, denunciando o seguidismo da UE e do Goberno español respecto á política dos EUA. Por iso, a CIG chama á mobilización este Primeiro de Maio e ás concentracións desta tarde convocadas por Galiza pola Paz.