A CIG paraliza as obra do Castelo de Monterrei para denunciar un caso de explotación laboral

Afirma que nos traballos de rehabilitación encargados pola Xunta á UTE Extraco-Orega en Verín incúmprese o convenio do sector con xornadas de máis de 10 horas
paralizacion-obras-castelo-de-monterrei
19 Jun 2026

Uns 80 delegados e delegadas da CIG-Construción paralizaron hoxe durante unha hora e media as obras de rehabilitación do Castelo de Monterrei, en Verín, para denunciar as condicións de explotación que padecen arredor de medio cento de persoas traballadoras estranxeiras das subcontratas portuguesas que prestan servizo para a UTE Extraco-Oreco, adxudicataria dos traballos encargados pola Xunta de Galiza. Xornadas de máis de 10 horas e mesmo traballo en sábado son algunhas das irregularidades detectadas nunha obra na que se incumpre sistematicamente o convenio do sector, tal e como a central sindical denunciou diante da Inspección de Traballo a finais do ano pasado, sen ter obtido resposta até o de agora.

En consecuencia, a CIG-Construción decidiu levar a cabo unha ocupación das obras que comezou pouco antes das 11:30 horas, durante a se despregou unha faixa co lema “Galegos e estranxeiros, a mesma clase obreira. Construción sen explotación” para chamar a atención sobre a situación na que se atopan estas persoas traballadoras, que proveñen de países como Mauritania, Senegal, Marrocos, Brasil, Perú ou a India. “Da UTE traballan unha sete persoas, pero o resto, até arredor de 50 persoas, prestan servizo a través de subcontratas de orixe portugués que incumpren o convenio provincial do sector e pagan por hora, polo que se non traballas (vacacións, permisos, licenzas) non cobras”, explica o secretario nacional da CIG-Construción, Plácido Valencia. Ademais, rexístranse xornadas de máis de 10 horas diarias e mesmo se traballa en sábado, “algo intolerábel tendo en conta ademais de que se trata dunha obra pública”.

Por iso con esta acción a central sindical quere sinalar tamén a responsabilidade das Administracións e das empresas principais, “que deberan velar polo cumprimento da legalidade e o respecto polas condicións laborais”. Con este obxectivo, aproveitaron a ocupación das obras para informar as persoas traballadoras dous seus dereitos e para solicitar unha xuntanza cos responsábeis da UTE, que se negaron a recoller o escrito. De igual xeito que con anterioridade se tramitaron solicitude de reunións co delegado do Goberno español, “porque temos constatado tamén incumprimentos en obras do Estado no noso país”, e coa propia Administración autonómica.

Ao mesmo tempo, o responsábel sindical lembra que a finais do ano pasado a CIG puxo en coñecemento da Inspección de Traballo as irregularidades detectadas nas obras do Castelo de Monterrei. “Soubemos que pasaron polas obras, pero non sabemos nada do resultado da inspección”, censura Valencia.

Pouco antes das 13:00 horas, coincidindo coa saída dos operarios para comer, levantouse a protesta, que se desenvolveu sen incidentes e na que se presentou a Garda Civil, que identificou o secretario nacional da CIG-Construción, que agarda que nos vindeiros días se concreten as xuntanzas solicitadas para abordar as condicións laborais nas obras encargadas polas administracións públicas na provincia de Ourense.

0.33458805084229