A CIG pide á Xunta actuar xa contra o peche patronal de Sargadelos

A CIG reclama á Xunta unha intervención inmediata fronte ao peche patronal de Sargadelos, que impide dende hai case unha semana o acceso do persoal á fábrica de Cervo. A central considera que se están vulnerando dereitos laborais básicos e denuncia a inacción da Consellaría de Emprego.
sargadelos-fabrica-cervo
9 Apr 2025

A CIG demanda unha actuación contundente e exemplarizante fronte ao peche patronal executado polo propietario de Sargadelos, que mantén dende hai case unha semana á fábrica de Cervo sen actividade e co persoal sen acceso aos seus postos de traballo. A central lembra que se trata dunha ilegalidade manifesta e reclama á Xunta que active os mecanismos legais necesarios para restablecer a normalidade.

Xorxe Caldeiro, secretario da Unión Local da CIG da Mariña, cualificou a situación de “esperpento” e acusou á Consellaría de Emprego de “claudicar completamente” tras anunciar un suposto acordo para a reapertura. Caldeiro critica que se estea poñendo en dúbida a actuación da Inspección de Traballo, que xa recoñeceu que se trata dun peche patronal, e solicita unha reunión urxente co organismo para coñecer as actuacións previstas.

“O que está ocorrendo dinamita dereitos fundamentais como o dereito ao traballo e á saúde. A Consellaría pode mediar, pero non pode amparar ilegalidades”, aseverou Caldeiro.

Segundo a CIG, esta mañá o empresario permitiu o acceso á fábrica a unha parte do persoal que aceptou coller vacacións adiantadas, e tamén a quen asinou un documento para acceder “baixo o seu propio risco”. Mentres tanto, a maioría do cadro de persoal segue excluída.

A central sindical considera que esta situación “non pode durar nin un día máis” e advirte de que a inacción da Xunta dá pé ao empresario para afondar nas súas prácticas “antiobreiras” e de “chantaxe institucional”, mantendo ao persoal como refén para os seus intereses.

⚙ Configurar cookies
0.075071096420288