A CIG pide nos Orzamentos de 2026 medidas por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade

A central sindical presentou unha campaña baixo o lema “Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade”, con mobilizacións o 7 de outubro e unha manifestación nacional en Compostela o 10 de decembro.
Cig Galicia
20 Sep 2025

A CIG presentou a súa campaña de reivindicacións de cara aos Orzamentos da Xunta para 2026 baixo o lema “Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade”. A organización sindical anunciou a convocatoria de asembleas e concentracións diante das sedes da Xunta o 7 de outubro e unha manifestación nacional en Compostela o 10 de decembro.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, expuxo as seis actuacións urxentes que, ao seu xuízo, deben figurar nas contas galegas. Entre elas, un Plan galego de creación de traballo digno e industrialización que impulse unha transición enerxética xusta, a creación dun Banco Público Galego e a garantía de contratos laborais e retribución plena na FP dual e nos contratos formativos.

Carril defendeu recuperar e fortalecer os servizos públicos, rescatar os privatizados e evitar convenios con mutuas que supoñan a descapitalización do sistema. Criticou o modelo do PP, que cualificou de “letal para a sociedade galega”, por priorizar intereses privados, fomentar a eucaliptización e consolidar desequilibrios sociais e territoriais.

Tamén reclamou unha reforma do Estatuto de Autonomía que recoñeza os dereitos nacionais de Galicia, cun marco propio de relacións laborais, competencias plenas do Parlamento e un sistema de financiamento baseado nun concerto económico.

Pola súa parte, a secretaria de Mulleres e Igualdade da CIG, Margarida Corral, reclamou un Plan galego pola igualdade e un sistema público galego de atención ás persoas, ademais dun parque de vivenda pública en alugueiro social. Denunciou a reorganización da Xunta en materia de violencia machista, que reduciu competencias, e criticou a xestión privatizada dos servizos sociais.

Corral tamén puxo o foco nas condicións das traballadoras de coidados, que veñen de convocar unha folga, e lembrou casos recentes de violencia contra mulleres para denunciar a falta de medidas eficaces.

⚙ Configurar cookies
0.26325798034668