A CIG reclama a derrogación da reforma laboral de 2012 e que se garanta o cumprimento da Carta Social Europea

A CIG volve reclamar do Goberno español a derrogación inmediata da reforma laboral aprobada polo PP no ano 2012, recuperando as causas e contías de indemnización previas ao despedimento improcedente, en cumprimento da Carta Social Europea (CSE).
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, anunciou tamén que a organización impulsará a presentación dunha Proposición de Lei no Congreso dos Deputados para garantir o carácter vinculante das decisións do Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS), órgano encargado de supervisar a aplicación da Carta.
Carril denunciou a falta de vontade política do Executivo, tras a apertura da chamada mesa do diálogo social para revisar o despedimento “en base a unha resolución contundente do CEDS que o Goberno continúa ignorando”. Lembrou que a reforma de 2012 representou “o maior ataque aos dereitos das persoas traballadoras, ao abaratar o despedimento e facilitar os ERE e ERTE unilaterais”.
A CIG tamén censura a recente sentenza do Tribunal Supremo do 16 de xullo de 2025, que considera que as decisións do CEDS non son directamente aplicables. “O Supremo debería velar polo cumprimento da Carta Social Europea, non deixala sen efecto”, subliñou Carril.
A central sindical lembra que a CSE é un tratado internacional incorporado ao ordenamento xurídico español e que, polo tanto, as súas resolucións deben ser executivas e obrigatorias, do mesmo xeito que os convenios asinados coa OIT.
Ademais, Carril criticou a exclusión da CIG da mesa de diálogo aberta polo Ministerio de Traballo, denunciando “o nulo respecto á pluralidade sindical” e lembrando que a CIG “é o sindicato maioritario en Galicia e debe ser escoitado en igualdade de condicións”.
Ante a inacción do Goberno, a central promoverá unha Proposición de Lei para modificar o artigo 219.2 da Lei da Xurisdición Social, de forma que as decisións do Comité Europeo de Dereitos Sociais poidan ser invocadas e aplicadas nos tribunais españois como doutrina xurídica vinculante.