A CIG reclama á Xunta unha reunión urxente para acordar medidas preventivas no SAF

A central nacionalista mobilizouse en máis de 50 concellos para esixir un plan de prevención fronte ao acoso e ás agresións no Servizo de Axuda no Fogar, tras o asasinato dunha traballadora no Porriño, e convoca unha folga para o 13 de agosto.
Machismo
4 Aug 2025

A CIG desenvolveu este venres máis de 50 mobilizacións en todo o país para esixir á Xunta de Galicia e aos concellos a aplicación inmediata de medidas efectivas que garantan a seguridade das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). As protestas serviron tamén para homenaxear a Teresa, a traballadora asasinada no Porriño mentres realizaba o seu labor, e para denunciar a precariedade e desprotección que sofre o persoal dos coidados.

Na concentración nacional do Porriño, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, acusou á Xunta de inacción e de ser cómplice da situación de risco na que se atopan as traballadoras. Lembrou que a central xa solicitou por escrito a convocatoria urxente dunha reunión coa Xunta, a FEGAMP, sindicatos e patronal para acordar un plan de prevención e un protocolo fronte ao acoso e ás agresións, de obrigado cumprimento en todos os SAF.

Entre as medidas prioritarias, a CIG propón:

Xustificar a ausencia ao posto de traballo ante unha denuncia ou indicio de acoso.

Suspender cautelarmente o servizo no momento de recibir a queixa.

Realizar avaliacións de riscos, incluídos os psicosociais, en todos os domicilios.

Habilitar un servizo efectivo para rexistrar incidencias e informar ás delegadas de prevención.

Carril advertiu que non é posible adoptar medidas sen o acordo da Consellería de Política Social, que ten a última palabra para suspender o servizo. Ademais, a CIG anunciou que se personará como acusación na causa polo asasinato de Teresa e reclamou ao Concello do Porriño que suspenda cautelarmente o contrato á concesionaria mentres non se garantan as condicións de seguridade.

A central nacionalista ten convocada folga nos SAF de toda Galicia o vindeiro 13 de agosto, chamando a transformar a indignación polo crime nunha loita para mellorar as condicións laborais, salariais e sociais, e para aprobar de forma inmediata plans de prevención e protocolos de actuación efectivos.

⚙ Configurar cookies
0.2842800617218