A CIG reclama carga de traballo, investimentos e máis persoal para Navantia Fene

A CIG-Industria reclamou este venres carga de traballo, investimentos e un incremento do persoal propio para Navantia Fene, ao denunciar a situación de abandono na que, segundo o sindicato, se atopan as instalacións. Persoas delegadas da central sindical concentráronse este mediodía diante do estaleiro para esixir medidas que garantan a súa viabilidade e o futuro do centro de traballo.
O secretario comarcal da CIG-Industria, Serxio Martínez, criticou a falta dunha aposta clara polo futuro de Navantia Fene e asegurou que o estaleiro 'parece que, na práctica, está sendo condenado por parte da empresa e das administracións competentes ao seu peche'.
Martínez advertiu de que non se pode confiar unicamente no discurso sobre a carga de traballo que ten Navantia Ferrol para os próximos anos, senón que é necesario pensar a longo prazo no futuro da comarca e no papel que os estaleiros desempeñan na súa economía.
Por iso, reclamou que Fene conte con contratos propios que permitan garantir a súa viabilidade e que non quede reducido a unha instalación auxiliar do estaleiro ferrolán, dedicada á construción de bloques.
Neste sentido, cualificou de 'curioso' que Navantia Seanergies decidise concentrar toda a súa actividade en Fene 'xusto no momento no que se dá unha total falta de encargos a curto e medio prazo'.
Reclaman máis persoal propio e novas infraestruturas
A central sindical tamén demandou un incremento do cadro de persoal propio de Navantia Fene, proporcional ao das outras instalacións públicas da compañía. 'Non pode ser que Fene quede sempre fóra das incorporacións de persoal. Estamos ante unha discriminación total cara a este centro', afirmou Martínez.
Outra das reivindicacións pasa pola execución dos investimentos necesarios para facer competitivo o estaleiro e garantir que poida desenvolver actividade no futuro. O representante sindical lembrou que levan anos reclamando a construción dun dique de grandes dimensións que permita afrontar tanto reparacións e transformacións de grandes buques como novas construcións.
Segundo denunciou, actualmente as instalacións non poden desenvolver ningunha destas actividades e, se a esta situación se lle suma a falta de contratos no ámbito de Seanergies, 'estase condenado a estas instalacións ao peche'.
O Plan Industrial, clave para o futuro da ría
A CIG-Industria considera que estas reivindicacións deben abordarse a través da negociación coas centrais industriais do Plan Industrial, que, segundo o sindicato, debe recoller os investimentos, as infraestruturas e os incrementos de persoal solicitados para os dous centros de traballo de Navantia na ría de Ferrol.
Martínez insistiu en que, para garantir a competitividade no mercado, resulta 'imprescindíbel dispor de novos diques de reparacións e novas construcións en Fene e Ferrol'.