A CIG reclama un protocolo urxente contra a violencia no traballo no Servizo de Axuda no Fogar e convoca folga o 13 de agosto

A CIG presentou hoxe, en rolda de prensa, a súa proposta de “Protocolo de actuación ante situacións de violencia no traballo no sector de Axuda a domicilio”, coincidindo coa convocatoria dunha folga para o 13 de agosto. O obxectivo é presionar ás administracións para que negocien e aproben, con urxencia, un marco de actuación que garanta a seguridade e dignifique o traballo das profesionais do SAF.
O secretario xeral, Paulo Carril, lembrou que a proposta chega poucos días despois do asasinato de Teresa dos Santos e denunciou a “falta absoluta de sensibilidade” das administracións, que “seguen sen dar resposta” ás peticións do sindicato. Carril cualificou o actual modelo como “cruel e caótico”, privatizado na maioría dos concellos e que, segundo denunciou, “maltrata tanto ás traballadoras como ás usuarias”.
A central lembra que leva máis de dez anos reclamando un protocolo que aborde os riscos que sofren as traballadoras, tanto nos domicilios como nos desprazamentos. Entre as medidas propostas están:
-
Avaliación inicial de riscos antes de asignar cada servizo.
-
Rexistro de incidencias e comunicación aos comités de seguridade e saúde.
-
Posibilidade de suspender ou interromper o servizo en caso de risco grave.
-
Dispositivo de alarma para reacción inmediata ante agresións.
-
Xustificación e remuneración das ausencias laborais por situacións de violencia.
A CIG reclama que a Xunta asuma a súa responsabilidade e lidere a implantación dun protocolo marco común para todos os concellos, co fin de protexer as traballadoras do SAF e evitar que se repitan casos como o acontecido en Porriño.