A CIG reclama un SMI de 1.374,74 € en 2026 e a xornada laboral de 35 horas

A CIG propón situar o SMI de 2026 nos 1.374,74 euros mensuais, unha suba salarial do 5%, a implantación da xornada semanal de 35 horas e medidas para garantir a estabilidade no emprego.
Salario Minimo
16 Dec 2025

A Confederación Intersindical Galega (CIG) reclamou este luns situar o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) para o ano 2026 nos 1.374,74 euros mensuais, o que suporía un total de 19.246,80 euros brutos anuais, co obxectivo de acadar o 60 % do salario medio no Estado español, tal e como recomenda a Carta Social Europea.

As propostas foron presentadas en rolda de prensa polo secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e polo secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, que detallaron as liñas principais da acción sindical da central nacionalista de cara á negociación colectiva de 2026, unha vez coñecidos os datos da Axencia Tributaria sobre salarios e pensións.

Carril explicou que, segundo estes datos, o salario medio no Estado español durante 2024 foi de 32.078 euros anuais, polo que o SMI debería situarse, cando menos, no 60 % desa contía para garantir condicións de vida dignas. O secretario xeral lembrou que a CIG mantén desde 2019 a reivindicación de que o SMI teña carácter non compensábel nin absorbíbel e reclamou a eliminación do IPREM como referencia para o acceso a prestacións públicas.

O dirixente sindical advertiu de que en Galiza, das máis de 1,1 millóns de persoas asalariadas rexistradas en 2024, o 34,1 % perciben ingresos inferiores ao SMI, unha porcentaxe que aumentou de forma significativa desde 2009. Uns datos que, segundo a CIG, evidencian a precarización do mercado laboral tras as distintas reformas laborais.

Carril denunciou tamén que só o 39,1 % da poboación asalariada galega supera os 20.000 euros de ingresos anuais e que arredor do 20 % da poboación activa vive atrapada en situacións de pobreza salarial. Neste contexto, defendeu que a suba do SMI contribuiría a reducir a fenda salarial de xénero e a combater a precariedade laboral entre a mocidade.

No ámbito da negociación colectiva, Francisco González Sío detallou que a CIG defenderá para 2026 unha suba salarial do 5 %, a incorporación de cláusulas de revisión ligadas ao IPC, un salario mínimo de convenio equivalente ao SMI reclamado e medidas de transparencia para combater a desigualdade salarial entre homes e mulleres.

En canto á xornada laboral, a central aposta pola implantación da xornada semanal de 35 horas, como paso previo ás 32 horas, e por limitar a xornada máxima anual aos 210 días. Tamén reclamou un maior control sobre as mutuas, opoñéndose a que xestionen baixas por continxencias comúns, e medidas para frear os abusos na contratación fixa-descontinua e a tempo parcial.

A CIG defendeu a negociación colectiva, a mobilización e a folga como ferramentas fundamentais para avanzar na mellora das condicións de vida da clase traballadora e garantir emprego estable e salarios dignos.

⚙ Configurar cookies
0.31555986404419