A CIG reclámalle á Xunta máis orzamento para o SAF para garantir condicións laborais dignas e unha atención de calidade

A CIG reclamoulle á Xunta de Galicia que dote o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) dos orzamentos suficientes para garantir unha prestación de calidade ás persoas usuarias e condicións laborais dignas ás traballadoras. A central sindical considera unha burla a proposta do Goberno galego de incrementar en só un euro o financiamento do servizo ata acadar os 16 euros por hora no ano 2028, tendo en conta os custes reais do SAF e a incapacidade orzamentaria de moitos concellos para asumir os gastos.
No marco da reunión entre a Consellaría de Política Social e a FEGAMP, o secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Alján, criticou que na actualidade a Xunta só achegue 12 euros por hora, cualificando de “totalmente insuficiente” a proposta de alcanzar os 14 euros/hora no 2026, xa que non permitiría prestar o servizo nas condicións que precisa o sector.
A CIG lembra que o SAF é un servizo público que a Xunta derivou ás administracións locais sen asignarlle os recursos económicos necesarios. Ademais, sinala que a maioría dos concellos optaron por externalizar o servizo a empresas privadas, o que supón unha precarización da atención e unhas condicións laborais moi deficientes para as traballadoras, derivadas de pregos infradotados e mesmo de baixas temerarias.
A central sindical urxe á Xunta a asumir as súas competencias e a rachar co modelo privatizador e mercantilizador dos coidados, baseado nunha precariedade económica que provoca tanto o deterioro da calidade asistencial como o estancamento dun convenio colectivo sen actualizar desde 2012.
Así mesmo, denuncia que a Consellaría de Política Social continúa ignorando as demandas dun colectivo que leva anos mobilizándose pola dignificación laboral e polo recoñecemento social do seu traballo, ao tempo que se desatenden as necesidades das persoas dependentes e das súas familias.
Neste contexto, a CIG defende a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, que integre recursos como residencias, centros de día, atención á diversidade, SAF, Casas Niño, Casas do Maior, Xantar na Casa ou transporte adaptado, cunha xestión pública, orzamentos suficientes, persoal adecuado e un único convenio colectivo galego.
Por outra banda, a central sindical está á espera de que a Xunta e a FEGAMP convoquen a mesa de traballo para aprobar de maneira inmediata un protocolo de prevención e actuación fronte á violencia no SAF, que garanta a seguridade das traballadoras. Esta demanda vén avalada polos informes da Inspección de Traballo e do ISSGA, elaborados tras a denuncia da CIG polo asasinato dunha traballadora do SAF no Porriño, nos que se confirma o risco grave e inminente no que desenvolve o seu labor o persoal do servizo.