A CIG rexeita o acordo das 35 horas na Administración do Estado por non garantir a súa aplicación

A CIG critica que o acordo sobre a xornada de 35 horas non a converte nun dereito efectivo nin garante a súa aplicación para todo o persoal da Administración Xeral do Estado.
salarios
30 Mar 2026

A CIG decidiu non asinar o acordo sobre a implantación da xornada laboral de 35 horas na Administración Xeral do Estado ao considerar que o documento presentado polo Goberno español carece de garantías e non consolida este dereito para todo o persoal.

Segundo a central sindical, o acordo aprobado na Mesa Xeral de Negociación cos votos favorábeis de CSIF, UGT e CCOO, e cos votos en contra da CIG e ELA, presenta importantes carencias, xa que non concreta o seu ámbito de aplicación nin blinda xuridicamente a redución da xornada.

Desde a CIG lembran que a implantación das 35 horas é unha reivindicación histórica do movemento sindical, pero advirten de que este acordo non a transforma nun “dereito real, efectivo e para todo o persoal”.

Un dos principais problemas sinalados é a falta de claridade sobre a súa aplicación. O sindicato denuncia que non se especifica se a medida afectará a todo o persoal da Administración Xeral do Estado, o que, segundo indican, pode provocar que determinados colectivos queden fóra.

Ademais, critican que Función Pública se negue a blindar esta medida mediante cambios lexislativos, xa que non se contempla a súa inclusión nunha lei nin a modificación do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), mantendo a xornada xeral de 37,5 horas. “Isto implica que o acordo queda en mans dunha resolución administrativa que pode ser modificada no futuro”, advirten.

Outro dos aspectos que preocupa á central sindical é a referencia ás “adaptacións organizativas necesarias” para garantir a prestación dos servizos públicos, unha fórmula que, segundo denuncian, pode limitar ou impedir a aplicación efectiva da redución de xornada.

A CIG tamén sinala a falta de medidas complementarias para facer viable esta redución do tempo de traballo, como a cobertura de vacantes, a eliminación da taxa de reposición ou o reforzo dos cadros de persoal. Neste sentido, critican que non existan compromisos concretos e que o acordo non estea acompañado dos recursos necesarios.

Ademais, o documento non garante unha aplicación igualitaria, xa que parte do persoal podería continuar cunha xornada de 37,5 horas, nin establece prazos claros nin mecanismos de control en caso de incumprimento.

Por todo isto, a CIG reafirma a súa posición de non apoiar o acordo e insiste en que a xornada de 35 horas debe converterse nun dereito garantido para todo o persoal da Administración. “As 35 horas non poden ser unha promesa nin unha medida condicionada”, conclúe.

0.34921598434448