A CIG rexistra a convocatoria de folga xeral para o 11 de novembro en Galicia

Paulo Carril reclama á Xunta e ao Goberno español un Plan de Choque que garanta salarios dignos, acceso á vivenda, emprego estable e servizos públicos de calidade
rexistro-folga-xeral-11-novembro-galicia
13 Oct 2026

A CIG rexistrou esta mañá a convocatoria de folga xeral en toda Galiza para o vindeiro 11 de novembro para reclamar da Xunta de Galiza e do Goberno español un Plan de Choque que permita frear o deterioro das condicións de vida da clase traballadora. Baixo o lema “Galiza en loita por unha vida digna”, a central sindical denuncia que o encarecemento da vida, os salarios insuficientes, a crise da vivenda, a precariedade laboral e a deterioración dos servizos públicos están empobrecendo á maioría social, mentres as grandes empresas continúan obtendo beneficios extraordinarios.

A folga xeral abrangue as persoas traballadoras das empresas privadas e do sector público en todo o territorio galego, incluído o persoal funcionario, estatutario e laboral. Desenvolverase o 11 de novembro, desde as 00:00 até as 24:00 horas, coas adaptacións horarias previstas para as empresas con varias quendas e para os medios de comunicación.

Ás portas da consellaría de Emprego, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explicou que esta folga responde á grave situación de carestía da vida, que dificulta cada vez máis o acceso a bens básicos de alimentación e consumo, á vivenda e á enerxía. “O que nos leva a esta loita, a esta mobilización e á xornada de folga do próximo 11 de novembro é a necesidade de poder ter hoxe unha vida digna en Galiza”, afirmou.

Nese sentido, Carril denunciou que os gobernos seguen sen adoptar as medidas necesarias e urxentes para facer fronte a esta situación. Considerou que a suba dos prezos require un cambio nas políticas públicas e defendeu a folga xeral como unha resposta “necesaria, obrigada e inaprazábel” para reclamar actuacións concretas tanto ao Goberno español como á Xunta.

Entre as principais reivindicacións da CIG está garantir o dereito á vivenda mediante medidas que interveñan o mercado e permitan que as persoas traballadoras e amplos sectores da poboación teñan acceso a un fogar. A central sindical reclama tamén actuar sobre o mercado da alimentación para garantir o acceso aos produtos básicos, fixar os prezos dos carburantes para facilitar a mobilidade e establecer unha tarifa eléctrica galega, ademais de crear unha empresa pública de enerxía.

No caso concreto de Galiza, Paulo Carril lembrou que a CIG presentou en setembro un paquete de medidas para reclamar ao Goberno galego outras políticas e que estas se incorporen aos orzamentos da Xunta. Entre as propostas figuran a creación dun banco galego de vivendas sociais en alugueiro e o impulso da construción de vivenda pública destinada aos sectores máis desfavorecidos e con menor capacidade adquisitiva.

A central sindical reclama igualmente a intervención no mercado dos alimentos e un papel activo dos poderes públicos para garantir o acceso á electricidade, un ben fundamental para quentar as vivendas e preparar a comida.

Neste sentido, Carril criticou a falta de actuación do Goberno galego e cuestionou que non se estean a adoptar medidas para responder ás necesidades sociais. Ao seu xuízo, esta situación require políticas que garantan condicións de vida dignas e que permitan facer fronte ao encarecemento dos bens e servizos básicos.

A convocatoria de folga xeral tamén se vincula coa defensa dos salarios e das condicións de vida da clase traballadora. Carril lembrou que neste momento están convocadas folgas importantes en Galiza para reclamar incrementos salariais que permitan recuperar o poder adquisitivo perdido pola suba dos prezos.

A este respecto, a CIG demanda que os salarios se incrementen de acordo co IPC real e reclama a descentralización do salario mínimo interprofesional, para que en Galiza se sitúe en 1.374 euros, unha reivindicación que a organización sindical mantén desde hai anos para que sexa do 60 % do salario medio, en cumprimento da Carta Social Europea.

Para Paulo Carril, todas estas demandas interpelan tanto o Goberno español como o Goberno galego e forman parte dunha mesma reivindicación, “garantir o dereito a unha vida digna”.

Por iso chamou á participación masiva na folga xeral do próximo 11 de novembro e a que “pare todo” en Galiza, como expresión da loita social e laboral fronte á carestía da vida e en defensa dos dereitos da clase traballadora.

0.4813289642334