A CIG-Saúde exixe un novo sistema retributivo para as matronas de Atención Primaria ante a discriminación salarial

CIG-Saúde denuncia que as matronas de Atención Primaria seguen cun sistema retributivo obsoleto e discriminatorio, especialmente nas áreas da Coruña e Compostela, e reclama á Xunta unha negociación urxente para corrixir estas desigualdades.
Matronas
5 May 2025

Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Matrona, a CIG-Saúde denunciou hoxe que as matronas que traballan en Atención Primaria seguen rexéndose por un sistema retributivo "do século pasado", que non reflicte a realidade actual da súa carga de traballo nin contempla factores correctores como a dispersión xeográfica.

O sindicato sinala que este colectivo, esencial na atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres, así como no coidado materno-infantil, sofre unha discriminación especialmente significativa nas áreas sanitarias da Coruña e, en menor medida, Compostela, onde as matronas cobran por debaixo do resto do país por mor dun coeficiente de dispersión inferior.

CIG-Saúde leva tempo reclamando á Consellería de Sanidade que abra unha mesa de negociación para revisar este sistema retributivo, adaptándoo á realidade actual das matronas e ao incremento da súa carteira de servizos.

Desde o sindicato consideran urxente corrixir estas desigualdades e establecer un modelo de retribución "xusto, actualizado e acorde coas prestacións reais que realizan estas profesionais", cuxa labor é clave ao longo de todas as etapas da vida das mulleres, incluída a menopausa.

⚙ Configurar cookies
0.09974193572998