A clase traballadora galega mobilízase polos dereitos do pobo palestino e para esixir o fin da ocupación ilegal

Milleiros de persoas participaron nas 15 mobilizacións convocadas pola CIG no marco da xornada de paro xeral en solidariedade co pobo palestino. O sindicato reclama a fin da ocupación e do xenocidio, e medidas políticas e económicas contra o Estado de Israel.
Protesta Palestina
16 Oct 2025

O paro xeral convocado pola CIG por Palestina rexistrou un amplo seguimento en toda Galicia, con milleiros de persoas participando nas 15 mobilizacións celebradas nas sete cidades e en numerosas vilas. O sindicato salientou a solidariedade da clase traballadora galega coa poboación palestina e reclamou a fin do xenocidio e da ocupación ilegal.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, asegurou que, aínda que o recente cesamento do fogo “é un primeiro paso”, resulta insuficiente se non se acompaña dunha solución política que garanta xustiza e paz para o pobo palestino e o seu dereito de autodeterminación.

As mobilizacións desenvolvéronse en cidades como Vigo, A Coruña, Santiago, Pontevedra, Ourense, Lugo e Ferrol, así como en Vilagarcía, Carballo, Verín, Ribadeo, Monforte, Ribeira, A Estrada e A Guarda. A CIG destacou tamén o seguimento da folga en sectores como o ensino e os grandes centros de traballo.

Carril criticou os servizos mínimos “abusivos” decretados pola Xunta, que, segundo denunciou, “impiden na práctica o exercicio do dereito á folga”. O líder sindical acusou ao Goberno galego de “manter relacións bilaterais con Israel” e de contribuír “ao silenciamento do xenocidio nos medios públicos”.

Antes da manifestación en Compostela, Carril puxo en valor a resposta das traballadoras e traballadores galegos “nunha xornada que se suma ás máis de mil cen mobilizacións convocadas en Galicia nos dous últimos anos para denunciar a barbarie cometida contra o pobo palestino”.

O secretario xeral advertiu que, malia o acordo de cesamento dos ataques en Gaza, non se pode dar por rematada a mobilización: “o pobo palestino é vítima dunha ocupación que dura 77 anos”. Segundo explicou, Israel, co apoio de potencias como os EUA, aplica un réxime de apartheid, con roubo de terras, desprazamentos forzosos e detencións arbitrarias, o que cualificou como “crimes contra a humanidade”.

Carril instou a romper as relacións diplomáticas, comerciais e militares co Estado israelí e a recoñecer o estatuto de refuxiadas ás persoas palestinas que o soliciten. Tamén reclamou que se recoñeza o dereito á obxección de conciencia das traballadoras e traballadores que manteñan vínculos laborais con empresas que colaboren co réxime sionista.

Finalmente, o secretario xeral da CIG fixo un chamamento a manter a mobilización: “Debemos seguir exixindo o dereito á vida, á paz, á dignidade e á xustiza para Palestina. A solidariedade internacional é o único camiño para garantir un futuro libre e soberano”.

⚙ Configurar cookies
0.29759311676025