A Comisión Galega de Control da Violencia abre expediente por cinco incidentes deportivos

Aprobouse un comunicado para condenar calquera manifestación violenta no deporte e se acordou convocar unha reunión para avanzar en novas medidas
mellora-iluminacion-campo-futbol-o-burgo
10 Nov 2026

O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, participou hoxe na reunión da Comisión Galega de Control da Violencia, na que se analizaron sete expedientes relacionados con incidentes no deporte. En cinco deles acordouse iniciar procedemento sancionador: catro por posibles infraccións graves e un por unha posible infracción moi grave. Neste último caso, acordouse suspender o procedemento ao terse iniciado a vía penal contra a presunta persoa infractora.

Os sete expedientes corresponden a tres casos de fútbol, dous de automobilismo, un de baloncesto e un de ciclismo. Nos dous casos restantes, ambos relacionados co fútbol, a Comisión solicitou información previa ás federacións para analizar os feitos.

Por outra parte, a Comisión aprobou un comunicado para manifestar a súa máis enérxica condena contra calquera manifestación violenta, física ou verbal, ocorrida no deporte galego tras a agresión sufrida polo árbitro do encontro entre a S.D Residencia e o Alianza F.C., disputado esta pasada fin de semana no campo da Cheda de Lugo. A Comisión lembra que violencia e deporte son incompatibles e, en ningún caso, pode quedar impune. Así, manifesta que, no ámbito das súas funcións e competencias, este organismo seguirá avanzando na loita contra calquera manifestación violenta no deporte galego, animando ao sector deportivo, especialmente ás federacións deportivas galegas, e a todas as administracións e institucións afectadas, a continuar traballando por facer do deporte galego un espazo seguro e de convivencia, libre de toda forma de violencia.

Nesta liña, o organismo acordou ademais celebrar unha reunión de traballo coa Unión de Federacións Deportivas Galegas (Ufedega) e coa Real Federación Galega de Fútbol para avanzar en medidas e accións que contribúan ao obxectivo da Comisión de salvagardar os valores esenciais do deporte.

0.55519986152649