A comunidade educativa denuncia "as mentiras" da Xunta e pídelle medidas para mellorar o sistema educativo

Denunciaron que “miles de docentes levan anos soportando unhas condicións de traballo que, ou non tiveron ningunha mellora neste curso ou son claramente insuficientes"
manifestación-ensino-público-Galicia
27 Oct 2024

Nais, pais, alumnado de todas as idades e etapas educativas e profesorado denunciaron a campaña de propaganda da Consellaría de Educación que vendeu o actual curso escolar como o inicio dun “camiño novo” e o da “maior modernización do sistema educativo galego” e que segue a mentir ao incidir en que hai máis profesorado ca nunca malia que no proxecto de Orzamentos para 2025 mantense a mesma cantidade que nos últimos catro anos.

Fronte a iso, denunciaron que “para as miles de docentes que levan anos soportando unhas condicións de traballo que, ou ben non tiveron ningunha mellora neste curso ou ben son claramente insuficientes, esas afirmacións son algo máis que unha falsedade, son unha falta de respecto porque afirman o contrario do que se afronta a diario nos centros e nas aulas”.

Por iso, clamaron por un ensino público galego “con futuro, sen recortes nin propaganda”. Así se recolle no manifesto ao que representantes da comunidade educativa deron lectura ao remate da mobilización na Praza de Praterías. Un texto no que advertiron ao conselleiro que, para as familias que escolarizan os fillos e fillas no ensino público, “son igualmente unhas declaracións que ofenden porque saben que, na maioría dos centros, este foi un comezo de curso con menos recursos que en anos anteriores, sobre todo no que ten a ver coa atención á diversidade”.

Denuncian que hai menos docentes

O feito de que se dotasen os centros con 80 docentes menos de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe que no curso pasado, que non se atendesen máis dunha trintena de solicitudes de prazas de atención preferente ou que menos do 30 % dos centros vaian contar cun reforzo do programa PROA+ e que sexa unicamente con docentes a media xornada, algún incluso que terá que itinerar entre dous centros e estará menos de 5 horas semanais en cada un, dixeron, “son exemplos evidentes das demandas non atendidas por parte da Consellaría”.

E denunciaron o feito de que unha parte desas carencias “se quixese tapar nestas últimas semanas con contratos en precario”, o que consideraron que “deixa claro que a intención da Xunta é investir o mínimo posíbel e magnificalo con propaganda para que pareza que se fai moito”.

A PGDEP denunciou tamén que o alumnado é o principal colectivo afectado por unha política educativa practicada polo PP desde a Xunta nos últimos 15 anos porque é quen sofre unha realidade diaria con máis problemas e, en ocasións, “nunha situación de vulnerabilidade, nun sistema que se vende como o máis inclusivo do Estado, cando a inclusión só pode entenderse como veraz se existen recursos suficientes para que estea ben atendido, que non é o caso”.

Aseguraron, canda isto, que o alumnado tamén padece os efectos dos recortes de persoal na ESO, Bacharelato ou FP. Nese sentido, afirmaron que hai centros aos que non se lle autorizan os desdobres necesarios nin ofertar un programa de diversificación curricular ou FP Básica, mentres que noutros casos se obriga a alumnado de Bacharelato a cursar a distancia algunhas materias das que se van ter que examinar na proba de acceso á universidade, o que consideraron que “implica unha clara discriminación por un factor que non podemos obviar: estes recortes prodúcense maioritariamente en vilas e zonas rurais, polo que vemos de novo como os seus dereitos se ven condicionados pola súa procedencia”.

Rexeitaron ademais o “forte e descontrolado” incremento da oferta privada da FP e as restricións para que non aumente a oferta na rede pública. Unha situación que provoca que “cada ano o alumnado teña que optar polo ensino privado cando os poderes públicos deberían garantir unha oferta pública e gratuíta suficientemente ampla”.

Ao que engadiron a falta dunha política de axudas e bolsas para afrontar os gastos de desprazamento ou residencia de centos de mozos e mozas que deben acudir a centros lonxe dos seus domicilios, temos a imaxe completa do que é unha política feita de costas á mocidade.

Acordo de melloras

Respecto do “acordo de melloras”, cualificárono como “totalmente insuficiente”, porque non contemplaba demandas como o aumento de persoal especialista ou a redución de alumnado por cada orientador ou orientadora nin o recoñecemento dos ditames dos departamentos de Orientación e dos Equipos de Orientación Específicos para poder reducir ratios cando nunha aula existise alumnado que, malia carecer de recoñecemento oficial de discapacidade ou dependencia, debese contar especialmente á hora de fixar ratios máis reducidas”.

Denunciaron que, malia iso, o goberno galego “nin sequera está a cumprir con aquelas medidas que supoñían algún avance: non existe no presente curso escolar ningunha redución de ratio en toda a ESO, Bach, FP e ensinanzas de réxime especial malia existir alumnado con moitas necesidades sobre todo nalgunha destas etapas e a medida foi incumprida na súa práctica totalidade en Primaria”.

A comunidade educativa denunciou o incumprimento da redución das ratios por discapacidade ou nas aulas mixtas, que afecta maioritariamente aos centros do rural e que o que no papel ía aplicarse con carácter inmediato, “agora xa din que o farán en catro cursos, nun novo exemplo de como a Consellaría vai acompasar a redución oficial de ratios á propia caída da matrícula polo descenso demográfico, actuando con arbitrariedade e provocando que aumente a desigualdade entre o alumnado galego”.

Lembraron que as familias e o profesorado que se vén manifestando e protestando nas últimas semanas fíxoo porque “queremos un ensino público de calidade e non estamos dispostas a que se nos minta nin se nos engane. Non queremos privilexios, nin laborais nin sociais, non queremos tratos de favor, nin desde as alcaldías nin desde San Caetano. Queremos o que en xustiza nos corresponde: unha educación en igualdade, con todos os recursos, con políticas avanzadas, con inclusión e con orzamentos reais”.

Ensino público con futuro

Diante desta situación concluíron reclamando que remate a censura da Consellaría no traslado de información aos distintos representantes da comunidade educativa, como aconteceu en Lugo no que a Inspección lle nega datos sobre o alumnado ás ANPAs e que se destine os fondos europeos ou doutras entidades ao fin para o que foron deseñados: reforzar a inclusión educativa do alumnado con necesidades especiais e unha redución das ratios en todas as ensinanzas.

Finalmente, esixiron a aplicación das ratios nas aulas mixtas, sen ter que agardar catro cursos a que sexan efectivas en todas as aulas afectadas e a redución de horario lectivo que demanda a maioría do profesorado e da súa representación sindical para todo o colectivo docente sen excepción, recuperando os dereitos que lle foron arrebatados, e garantindo o normal funcionamento dos centros cos reforzos de persoal que sexan precisos, sobre todo para afrontar como é debido a atención á diversidade.

0.12232112884521