A Concellaría de Mocidade apoia o “Magóstolo” do CEIP Apóstolo Santiago para reforzar a tradición e a comunidade

A Concellaría de Mocidade colabora co “Magóstolo”, o magosto co que o CEIP Apóstolo Santiago celebra a memoria colectiva e fortalece a rede comunitaria do barrio. A cita terá lugar os días 22 e 23 de novembro na Praza 8 de Marzo, converténdose nun encontro que une tradición, participación veciñal e cultura.
O obxectivo principal desta festa é conservar a tradición dos magostos, reforzar a identidade común e fomentar a convivencia. Na organización participan activamente o CEIP Apóstolo Santiago, a ANPA e a veciñanza, que durante semanas traballan no deseño da programación e na recollida e selección das castañas. O resultado é unha celebración comunitaria que fortalece os vínculos do barrio. O departamento de Mocidade reforza esta colaboración pola estreita relación do colexio co Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga.
Programación
As actividades comezarán o sábado ás 12:00 horas, cunha ampla oferta para todas as idades. Ademais das tradicionais castañas asadas, haberá zonas de xogos, pintacaras e espectáculos infantís como “A Landra viaxeira e o amigo Lambón”, de Os Jalochos. A xornada incluirá tamén obradoiros de regueifa, canto, baile, pandeireta, monicreques e foliada.
Na parte musical, a sesión vermú estará a cargo de Mou DJ Session, mentres que a partir das 21:30 horas subirán ao escenario JJ Set Eva Chloé, Lúa Gándara DJ e Saibran DJ Set.
O domingo celebrarase a actividade central do programa: as “Olimpiadas de outono Deleite”, abertas á participación de nenas e nenos que se inscriban desde unha hora antes. A xornada pecharase coa presentación do fanzine “Brasas” e a actuación de Pilonga DJ.