A Corporación de Vigo pide á Xunta que invista 36 millóns nos colexios públicos da cidade

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns unha moción presentada polo Grupo Municipal Socialista para esixir á Xunta de Galicia que destine 36 millóns de euros á mellora, adaptación e modernización dos colexios públicos da cidade. A proposta saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG, mentres que o Grupo Popular votou en contra.
A concelleira Elena Espinosa foi a encargada de defender a iniciativa, sinalando a necesidade de acometer actuacións urxentes en numerosos centros escolares. Entre as obras propostas destacan o cambio inmediato de cubertas nos colexios Coutada Beade e Illas Cíes, a eliminación progresiva do fibrocemento en todos os centros, a renovación de xanelas e a construción de patios cubertos en centros como o Josefa Alonso, Fonte Escura, Valle Inclán, Otero Pedrayo, Saladino Cortizo, Mestre Goldar, Escultor Acuña, Seis do Nadal, Santa Tegra, Paraixal, Carrasqueira, San Salvador e Doutor Fleming.
Tamén se inclúe o arranxo estrutural do CEIP Otero Pedrayo, a reparación do muro e patio do CEIP Mosteiro-Bembrive, a rehabilitación das pistas e gradas do CEIP Pintor Laxeiro e a construción de novos pavillóns deportivos escolares, que poidan ser empregados tamén pola veciñanza.
Ademais, Espinosa reclamou reformas xerais en todos os centros, como o cambio de falsos teitos, renovación de sistemas de calefacción obsoletos, mellora das canalizacións de auga e saneamento, accesibilidade, seguridade, instalacións eléctricas e aseos.
Contra os recortes e por máis profesorado
A Corporación tamén aprobou outra moción socialista na que se insta á Xunta a poñer fin aos recortes de profesorado en todos os niveis educativos e a dotar do persoal necesario ao IES Valadares, así como a todos os centros educativos da cidade que o precisen.
Espinosa lamentou a dimisión do equipo directivo do IES Valadares pola falta de recursos humanos e lembrou que a normativa obriga á administración autonómica a garantir un servizo público educativo de calidade que respecte a diversidade do alumnado.