A Coruña acolle a 200 mozos de España e Europa nun encontro sobre sustentabilidade mariña

A cita, que se desenvolve ata o 20 de outubro, inclúe un debate sobre o futuro do océano e remata cunha asemblea que recrea o funcionamento dun pleno do Parlamento Europeo
olas-auga-mar-oceano-recurso
Imaxe de arquivo ilustrativa
15 Oct 2026

A Coruña convértese en sede da 21ª Sesión Nacional do European Youth Parliament España (EYP), un encontro impulsado pola Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), entidade que promove este movemento xuvenil en Galicia. O evento prolongarase ata o martes 20 de outubro e contará coa participación de 140 mozos e mozas delegados procedentes de España e de distintos puntos de Europa, aos que se sumarán máis de cincuenta voluntarios internacionais.

Baixo o lema 'Máis alá do horizonte: rumbo a novas augas', os participantes debaterán sobre o futuro do continente europeo, con especial atención nesta edición á sustentabilidade dos mares.

O acto de apertura terá lugar hoxe, xoves 15 de outubro, entre as 16.30 e as 17.30 horas, na Sede Afundación da Coruña. Intervirán na cerimonia Begoña Jamardo, coordinadora de Relacións Internacionais da UIE; Mar Rodríguez Mediavilla, subdirectora xeral de Relacións coa Unión Europea da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia; e Jordi Bravo i Rius, presidente de EYP España.

Debate centrado no futuro do océano

Tras a inauguración celebrarase un panel dedicado ao futuro dos océanos, que abordará a protección dos ecosistemas mariños e o papel de Europa na conservación do Atlántico. O debate estará moderado por Martina Salamero, integrante do European Youth Parliament España, e reunirá a Javier Fraga, director de ABANCA Mar e do Executive Master in Seafood Management da UIE; Yolanda Molares, directora do Instituto para o Crecemento Sustentable e profesora da UIE; e María Pérez Sainz, responsable de Economía Circular do Grupo Nueva Pescanova España.

Durante os días 17 e 18 de outubro, o campus da UIE na Coruña servirá de espazo de traballo para que os delegados elaboren, organizados en distintos comités, as súas propostas de resolución sobre os temas formulados. Estas iniciativas serán debatidas e sometidas a votación os días 19 e 20 na Asemblea Xeral, unha dinámica que reproduce o funcionamento dun pleno do Parlamento Europeo.

Unha alianza para achegar Europa á mocidade

O European Youth Parliament é unha organización educativa independente e sen ánimo de lucro, creada en 1987 e con presenza en máis de 40 países do continente. A través das súas sesións rexionais, nacionais e internacionais, ofrece aos mozos un espazo para analizar en comité asuntos de actualidade, propoñer solucións e defendelas ante unha asemblea xeral inspirada no Parlamento Europeo.

Este encontro enmárcase na colaboración entre a UIE e o EYP, cuxo obxectivo é achegar aos mozos o coñecemento das institucións europeas, dos países e sociedades que as integran, e dos asuntos de actualidade que os afectan, ademais de impulsar a participación activa do alumnado da UIE nestas iniciativas.

0.36486005783081