A Coruña acolle a estrea do espectáculo 'Os sete pecados capitais' con máis de 100 estudantes

A representación do espectáculo 'Os sete pecados capitais', de Kurt Weill, reúne o talento de máis de cen estudantes galegos de diversas disciplinas artísticas e técnicas. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, non perdeu a cita. O proxecto conta coa participación do Conservatorio Superior de Música da Coruña, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde e o Centro Integrado de FP Imaxe e Son, cunha colaboración especial do Centro Dramático Galego, que cedeu o vestiario da produción.
Esta é a segunda experiencia educativa deste tipo, despois do éxito acadado o ano pasado coa posta en escena de 'Le Villi', de Giacomo Puccini, na que participaron seis centros de ensinanza. Durante o acto, o conselleiro destacou o valor pedagóxico e artístico da iniciativa, subliñando que “este tipo de proxectos reflicten a importancia dos conservatorios, as escolas de arte e os centros de FP na formación dos futuros profesionais da cultura galega”. Rodríguez tamén enxalzou o esforzo conxunto de alumnado e profesorado, que permite transformar a aprendizaxe nunha experiencia inmersiva e enriquecedora.
A representación abriu cunha actuación da Banda Sinfónica do Conservatorio Superior de Música da Coruña, que interpretou 'October', de Eric Whitacre, e 'Dance Movements', de Philip Sparke. A continuación, a Orquestra do Conservatorio tomou o relevo coa posta en escena de 'Os sete pecados capitais', unha obra que combina música, interpretación escénica, produción audiovisual e deseño, creando un espectáculo de gran impacto artístico.
Cada centro educativo contribuíu desde a súa especialidade para dar forma a unha proposta escénica que destaca pola integración de diferentes disciplinas e pola capacidade de traballo en equipo. Tras a súa estrea na Coruña, o espectáculo terá percorrido fóra de Galicia, con funcións previstas en Santander e no prestixioso Festival Musika-Música de Bilbao.