A Coruña acollerá a Festa do Correlingua 2026 con centos de estudantes en defensa do galego

O percorrido da carreira partirá da Torre de Hércules e rematará no Pavillón de Riazor, seguindo o Paseo Marítimo
correlingua-25
5 May 2026

A cidade da Coruña será escenario este mércores, 6 de maio, dunha nova edición do Correlingua, unha iniciativa que percorre Galicia co obxectivo de promover o uso da lingua galega entre a mocidade. A cita forma parte das Festas da 26ª edición deste programa, que combina reivindicación e celebración arredor do idioma propio.

Baixo un lema que apela tanto á defensa do galego como ao sentimento de pertenza, alumnado de centros educativos de toda a comarca participará nesta xornada, na que se dará lectura a un manifesto elaborado de maneira colectiva. A actividade desenvolverase nun ambiente festivo no que a música terá un papel destacado.

O percorrido da carreira partirá da Torre de Hércules e rematará no Pavillón de Riazor, seguindo o Paseo Marítimo. A programación concentrarase a partir das 12:15 horas na contorna da Estatua de Breogán, onde a actriz coruñesa Isabel Risco será a encargada de conducir o acto.

Durante o evento está prevista a intervención da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, así como da deputada provincial Sol Agra. Tamén se realizará a lectura do manifesto por parte de alumnado do IES Alfonso X O Sabio de Cambre e a entrega de premios desta edición.

A música chegará da man do grupo Mekánika Rolling Band, que ofrecerá un concerto en directo como peche da xornada. A festa concluirá arredor das 13:15 horas.

Na actividade participarán 25 centros educativos de primaria e secundaria de distintos municipios da provincia, entre eles A Coruña, Cambre, Culleredo, Oleiros, Pontedeume ou As Pontes, entre outros.

O Correlingua está organizado por CIG-Ensino, coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio Pedagóxica Galega, e conta co apoio da Deputación da Coruña e do Concello da Coruña.

0.30216002464294