A Coruña énchese de vangarda co festival de música contemporánea RESIS 2025

A cidade da Coruña convértese no epicentro da música contemporánea coa celebración da VIII edición do festival RESIS, unha cita consolidada no panorama nacional que levará actuacións únicas e abertas á cidadanía durante 30 días. O arranque oficial tivo lugar no Club Cámara Noroeste, cun acto no que participaron o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e que contou cunha actuación das artistas Adya Khanna Fontenla e Clara Giner.
“O RESIS é un exemplo perfecto da riqueza cultural da Coruña. É un festival que apostamos por coidar e facer crecer, e que hoxe xa conta cunha proxección máis alá das fronteiras da cidade”, destacou Castro, quen salientou o compromiso do Goberno local coa cultura contemporánea e a creación de novos públicos.
O festival dará o seu pistoletazo de saída mañá, 25 de abril, no Teatro Rosalía de Castro co concerto de Arxis Ensemble e o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia. Durante todo un mes, a programación estenderase por máis dunha ducia de espazos históricos e simbólicos da cidade con concertos, arte sonora, tecnoloxía dixital, cine, exposicións, masterclasses e conferencias.
Cartel internacional e estreas de vangarda
A edición 2025 contará cun cartel de luxo no que destacan agrupacións como Quatuor Diotima, Quartet Gerhard, Evo Ensemble ou a Real Filharmonía de Galicia. Tamén participarán recoñecidos directores como Armando Merino ou Jordi Francés, e solistas de prestixio internacional como Virginia Guidi, Florian Hoelscher ou Florentin Ginot.
O RESIS tamén aposta pola creación contemporánea con nomes como Clara Iannotta, Esther Pérez Soriano, Luz Arcas ou Sarah Nemtsov. Un dos pratos fortes será a estrea da obra KARST, unha creación experimental de Hugo Gómez-Chao Porta e Raquel Buj que poderá verse na Igrexa de Santo Domingo de Bonaval e que tamén viaxará ao Festival Nuova Consonanza en Roma. A coreógrafa e bailarina Luz Arcas, Premio Nacional de Danza 2024, participará neste espectáculo.
Formación, inclusión e innovación como eixos centrais
Fiel ao seu carácter educativo e inclusivo, o RESIS volverá celebrar o Panel de lectura de partituras RESIS.LAB, unha iniciativa formativa para novos talentos da composición, que se desenvolverá en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia e será dirixido por José María Sánchez-Verdú. Culminará cun concerto no Auditorio de Galicia baixo a batuta de Jordi Francés.
Tamén se desenvolverá a cuarta edición de Proxección Sonora, un proxecto para achegar a música contemporánea a persoas con diferentes capacidades, reforzando o acceso igualitario á cultura. O RESIS 2025 reafírmase así como unha das citas culturais máis audaces e singulares da cidade, abrindo unha fiestra á creación contemporánea desde A Coruña para o mundo.