A Delegación do Goberno avanza na loxística para garantir o desenvolvemento das Eleccións do 29N

Están chamados a votar 2.734.437 galegos e galegas, dos que 77.915 o farán por primeira vez nunhas eleccións xerais ao ter cumprido os 18 anos desde a última cita deste proceso
dispositivo-seguridade-eleccions-29N
17 Nov 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, presidiu a reunión de avaliación da marcha da planificación loxística da Delegación do Goberno para as eleccións ás Cortes Xerais do próximo 29 de novembro. O delegado lembrou que a Administración Xeral do Estado ten asignadas dúas funcións específicas neste proceso electoral. Por unha banda, prestar o soporte loxístico necesario para o exercicio do voto, incluída a seguridade de todo o proceso e, por outra, transmitir os datos de participación e escrutinio o mesmo día das eleccións. Esta tarefa reflíctese no orzamento que se destina en Galicia para a súa organización e que se sitúa por encima dos 4,2 millóns de euros.

Na reunión telemática participaron as subdelegadas do Goberno na Coruña, Encarna Rodríguez; e Lugo, Olimpia López, e o subdelegado en Pontevedra, Alfonso Lago. Nela, detallaron as principais cifras desta cita electoral, na que poderán participar 2.734.437 galegos e galegas, dos que 77.915 o farán por primeira vez nunhas eleccións xerais ao ter cumprido os 18 anos desde a última cita deste proceso. Do total, 517.063 forman o censo de españois residentes no estranxeiro (CERA).

En canto á loxística, o delegado do Goberno destacou que Galicia contará con 3.912 mesas distribuídas en 2.307 locais electorais. Haberá dispoñibles 7.824 urnas e 3.596 cabinas para elixir as papeletas. En total, imprimíronse 31.519.244 de papeletas.

Estas mesas estarán atendidas por 11.766 membros de mesa titulares. Ademais, un total 2.528 representantes da Administración encargaranse de verificar a correcta apertura das mesas, resolver incidencias e recoller os datos de participación e do reconto de voto. Durante o día das eleccións, na sede da Delegación do Goberno e nas Subdelegacións haberá persoal habilitado para solucionar calquera incidencia que poida xurdir cos representantes, a constitución das mesas ou o material, en colaboración coas Xuntas Electorais. En total, 267 traballadoras e traballadores da Delegación e Subdelegacións participan no correcto desenvolvemento deste proceso.

Dispositivo de seguridade

Pedro Blanco subliñou o importante despregamento de efectivos de seguridade para garantir o exercicio libre do dereito ao voto. Este persoal situarase nos centros de votación, nos seus accesos e demais puntos de interese da xornada. A previsión apunta a que 7.697 efectivos de seguridade, entre Policía Nacional, Garda Civil e Policías Locais, integrarán este dispositivo.

O delegado agradeceu a todos estes profesionais, garantes da seguridade pública, o seu esforzo e traballo, do mesmo xeito que tamén tivo palabras de gratitude para todos os membros da Administración e cidadáns que formarán parte das mesas de votación, encargados de que a xornada electoral avance con normalidade e que o dereito ao voto estea garantido.

0.46236705780029