A Deputación abre o prazo de solicitude para as axudas do Plan +Xuventude, con 120.000 euros para asociacións xuvenís

A Deputación de Pontevedra abre este luns o prazo para solicitar as axudas do Plan +Xuventude 2025, unha convocatoria que este ano repartirá 120.000 euros, o que supón un aumento de 20.000 euros respecto á edición anterior.
As axudas están dirixidas a asociacións xuvenís sen ánimo de lucro que traballan coa mocidade na provincia, así como a grupos informais de entre 3 e 8 persoas de 18 a 35 anos que presenten proxectos de interese social.
Cada entidade poderá optar a un financiamento de ata 5.000 euros para iniciativas que fomenten o desenvolvemento persoal e comunitario, o apoderamento xuvenil, a formación en valores e a promoción de hábitos saudables.
O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 14 de marzo.
Áreas de actuación do Plan +Xuventude
As axudas poderán destinarse a proxectos en diversas áreas, entre elas:
- Iniciativa empresarial e fomento do emprendemento.
- Vida saudable, loita contra a violencia e condutas de risco.
- Promoción cultural en todas as súas formas, innovación e sectores científico, tecnolóxico e dixital.
- Dereito e ciencias sociais.
- Creación de Consellos Locais de Xuventude e fomento do asociacionismo e voluntariado xuvenil.
- Dinamización do medio rural e loita contra a soidade non desexada, con impacto no reto demográfico.
O Plan +Xuventude busca potenciar o papel da mocidade na transformación social e cultural da provincia, incentivando a participación activa na comunidade.